Inicio Áreas Deporte Novas Carballo é a sede do primeiro...

Carballo é a sede do primeiro campus “Mulleres Car Cros”, no que participan 10 mozas de toda España

As deportistas foron recibidas na Casa do Concello polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo

Domingo 9 de decembro do 2018

As participantes xunto a un car cros

As participantes xunto a un car cros

Dez mozas de distintas comunidades autónomas participan esta fin de semana no primeiro campus "Mulleres Car Cros", organizado pola Real Federación Española de Automovilismo, en colaboración co Consejo Superior de Deportes, e que se desenvolve no Circuito Municipal De Carballo. Trátase dunha actividade subvencionada pola Subdirección de Muller e Deporte, cuxo obxectivo é facilitar o acceso de mulleres ao automobilismo deportivo, neste caso do autocrós.

Entre as participantes, que foron recibidas o venres á tarde na Casa do Concello polo concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, figuran só dúas galegas, e unha delas é carballesa. E aínda que ningunha ten experiencia na competición, con elas está toda unha campioa, Ares Lahoz, unha novísima e prometedora deportista catalá que conseguiu o seu primeiro podio no 2015 e que sen dúbida será o espello no que se miren todas as demais.

Recepción na Casa do Concello

Recepción na Casa do Concello

Tanto os representantes da organización coma o concelleiro de Deporte desexáronlles, a elas e ás súas familias, unha grata estancia no noso concello e o maior aproveitamento posible do campus, no que están coñecendo a disciplina do autocrós tanto dende o punto de vista teórico coma do práctico, a bordo dun car cros.

Hoxe pola tarde deixarán Carballo despois de adestrar e mellorar as súas habilidades deportivas a bordo dun car cros, nunha iniciativa desenvolvida por Club Rally Coruña, Escola PTC e Ya Car Racing, coa colaboración do Concello de Carballo. Durante as xornadas do campus, as participantes están a recibir charlas de pilotos do Campionato de España de Autocrós, con quen comparten tamén sesións prácticas cos car cros. Ademais, reciben nocións sobre regulamentación básica para afrontar unha competición e viven en primeira persoa a experiencia de formar parte dun equipo de carreiras.



Galería

Compartir: