Inicio Áreas Deporte Novas Carballo acolle o I Campionato Galego...

Carballo acolle o I Campionato Galego de Pádel Adaptado coa intención de convertelo nun evento de ámbito estatal

Deportistas de toda a comunidade daranse cita o día 8 nas instalacións de Miclub

Mércores 5 de decembro do 2018

Javier Andrade, Manuel Cantelar, Evencio Ferrero, Marcos Trigo e Manuel Pallas

Javier Andrade, Manuel Cantelar, Evencio Ferrero, Marcos Trigo e Manuel Pallas

Ademais do V Torneo de Pádel Solidario Concello de Carballo, que se está a desenvolver dende o 30 de novembro ata o domingo 9, as instalacións de Miclub Pádel acollerán tamén nesta ponte, en concreto o sábado 8, o I Campionato Galego de Pádel Adaptado, unha iniciativa impulsada dende a Agrupación Deportiva Un Paso Máis coma “unha experiencia piloto” -como a definiu o presidente da entidade, Manuel Cantelar- con ambición de converterse nun evento de ámbito estatal.

“É un orgullo ver este cartel en Carballo, e temos que dar ás grazas á corporación porque sempre nos apoian e vennos coma deportistas adaptados, non coma discapacitados que facemos deporte”, manifestou Cantelar na presentación do evento.

Con el estivo Manuel Pallas, xerente de Miclub, que explicou o desenvolvemento do campionato, no que participarán oito parellas de distintos puntos de Galicia, e expresou a súa satisfacción pola organización do campionato. “Era unha das miñas ilusións e por fin puidemos sacalo adiante”, declarou.

No evento colaboran La Caixa, que estivo representada por Javier Andrade, e o Concello de Carballo. O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, asegurou que “Carballo é afortunado por ter xente coma Manuel Cantelar, que leva moitos anos traballando polo deporte, sempre con optimismo, e coma Manuel Pallas, que ten a sensibilidade e a decisión necesarias para facer que estas cousas medren”.

“Os carballeses e as carballesas somos afortunados, porque calquera persoa, á marxe das necesidades que teña, pode practicar deporte”, engadiu o alcalde. Evencio Ferrero destacou a sensibilidade do pobo carballés e destacou que “existen aspectos intanxibles que só se aprecian con longo percorrido, e este é un deles”.

Compartir: