Inicio Áreas Cultura Novas A colección de libros doada por...

A colección de libros doada por Xoán López Eirís ao Concello enriquece aínda máis a relación de Carballo co teatro

Aínda que a mostra rematará mañá, coincidindo co último espectáculo de sala do FIOT, a colección cedida polo escenógrafo, de valor incalculable, seguirá a disposición do público

Martes 30 de outubro do 2018

“Aínda que non saibas nada de teatro, nesta exposición enseguida te metes na atmosfera. Empezas a mirar os autores e os títulos e podes construír a historia do teatro sen saír de aquí”. Quen o di é Lucía Iglesias, unha das traballadoras da Biblioteca Municipal Rego da Balsa que leva meses traballando na clasificación, catalogación e identificación dos 2.200 libros sobre teatro cedidos por Xoán Manuel López Eirís ao Concello de Carballo. Unha parte moi importante deses fondos leva case todo o mes exposta no primeiro andar da biblioteca, pero aínda que a exposición rematará mañá, a importantísima colección creada polo escenógrafo carballés ao longo da súa vida xa forma parte da estreita relación que a nosa vila mantén co teatro desde hai 27 anos e seguirá a disposición do público especializado.

“A colección é dun valor incalculable, non só polo valor das obras en si, en moitos casos difíciles de conseguir e seguramente adquiridas ao longo do mundo, senón porque a selección que fixo ten valor por si mesma”

Para un actor, un autor teatral, un director ou un escenógrafo, a exposición do carballés Xoán López Eirís, falecido hai case un ano, é de obrigada consulta. Era unha persoa moi coidadosa na súa selección literaria e tanto as obras coma os autores que formaban parte da súa biblioteca son imprescindibles na historia do teatro. “A colección é dun valor incalculable, non só polo valor das obras en si,  en moitos casos difíciles de conseguir e seguramente adquiridas ao longo do mundo, senón porque a selección que fixo ten valor por si mesma”, engade Lucía.

Un percorrido pola historia do teatro

A exposición permite realizar un percorrido pola historia do teatro: clásico, medieval, moderno, contemporáneo... En distintos idiomas, formatos e edicións. E sobre as temáticas máis variadas que se poidan imaxinar pero sempre relacionadas coa escena. Hai seccións específicas sobre caracterización e dramaturxia; sobre escenografía, que era a clave do seu traballo, e mesmo sobre arquitectura.

Shakespeare ocupa un lugar moi destacado. De algunhas das súas obras, coma Hamlet, atopamos todo tipo de edicións e distintas adaptacións; do Rei Lear, o número 1.584 dunha edición moi limitada que é toda unha xoia, e de Macbeth, unha preciosa edición ilustrada. Pero se o autor británico era unha das súas obsesións artísticas, a biblioteca de López Eirís revélanos outras coma as culturas celta e viquinga, as sagas irlandesas, a ópera ou mesmo o tarot.

Xa no ano 2014, Xoán Manuel López Eirís cedera ao Concello de Carballo un primeiro lote de 600 libros de temática variada. No 2017 quixo que a súa extensa e rica biblioteca específica sobre teatro pasase tamén a formar parte dos fondos bibliográficos do seu municipio. E agora, grazas á colaboración do seu gran amigo Manuel Lourenzo, que tamén conta cun pequeno recuncho na exposición, poderemos gozar dalgunhas das súas escenografías feitas en madeira.

Mañá é o último día para visitar a exposición no primeiro andar da Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Se vos gustan a literatura e/ou o teatro non deixedes de vela. Atoparedes moitas sorpresas e o ex libris que lle dá título á colección e que identifica todas e cada unha das obras, protexidas cun sistema antifurto porque son auténticas xoias.

Infinitas grazas, Xoán, onde queira que esteas.

Compartir: