Inicio Áreas Cultura Novas Carballo festexa o Día...

Carballo festexa o Día Internacional da Biblioteca por partida dobre e con agasallos durante toda esta semana

A Biblioteca Municipal Rego da Balsa celebra o seu cuarto aniversario coincidindo coa efeméride do 24 de outubro

Martes 23 de outubro do 2018

En Carballo festexamos por partida dobre o Día Internacional da Biblioteca, porque o 24 de outubro tamén é o aniversario da Biblioteca Municipal Rego da Balsa. Mañá, polo tanto, cumpre catro aniños, e para celebralo queremos agradecer a fidelidade dos/as nosos/as usuarios/as, que nos converten nunha das primeiras de Galicia en numero de usuarios/as activos/as, con agasallos e actividades durante toda a semana.

Atención, porque con cada préstamo que fagades esta semana recibiredes un agasallo, e ademais entregarásevos unha rifa para o sorteo dun lector de libro electrónico e un lote de libros.

E, ademais, para celebrar o Día da Biblioteca por todo o alto temos preparada unha festa para os/as máis pequenos/as da casa e as súas familias. Mañá mércores, a partir das 18.00 horas, teremos con nós a María Faltri para cantar, bailar e rir coa súa bibliodiscoteca, na que faremos un repaso aos mellores temas galegos para nenos e nenas a partir de 3 anos. A entrada á actividade, incluída no programa Ler Conta Moito, é libre ata completar aforo.

Este outono, #biblionízate!

Compartir: