Inicio Áreas Cultura Novas Co Obradoiro do Espectador arranca...

HOXE ÁS 19 H COÑECEREMOS AS ENTRAÑAS DUN ESPECTÁCULO TEATRAL

Co Obradoiro do Espectador arranca outra semana na que non poderás resistirte á atracción do FIOT

Manuel Lourenzo recollerá o domingo o "Xograr de Outono" como recompensa a toda unha vida de dedicación á escena

Martes 16 de outubro do 2018

Hoxe ás 19.00 horas arranca o Obradoiro do Espectador, outra das numerosas propostas do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) para que o público coñeza de primeira man todo o que envolve á arte da escena. Nesta ocasión, Borja Fernández, autor de Salvador: teatro, emigración e memoria familiar, amosaranos as entrañas do proceso de elaboración e documentación do espectáculo que poderemos ver este venres 19 ás 22.30 horas dentro do ciclo OTNI, así coma as bases de creación dun subxénero moi actual, o teatro-documento, no que a dramaturxia se crea a partir de testemuñas ou historias reais. Neste caso, empregou a biografía persoal e familiar, valéndose principalmente de fotografías.

A entrada é de balde.

O venres será un día completo, xa que tamén asistiremos (21.00 horas) á estrea do espectáculo Pss pss, da compañía suíza Baccalà,  á que teremos no FIOT tras triunfar en máis de 50 países e gañar quince premios internacionais, incluído o prestixioso galardón do Cirque du Soleil.

Pss pss  é unha montaxe chea de creatividade e enxeño que sen palabras transporta ao público á inocencia da infancia. A obra presenta a unha parella de "clowns" cuxos membros sosteñen un duelo xerando situacións ora cómicas ora serias, pero sempre inocentes. Todo canto din, insinúan ou dan a entender os dous actores comunícano a través do idioma universal dos xestos: a arte da mímica, do que Marcel Marceau foi un dos seus máximos expoñentes.

Os protagonistas e creadores de Pss pss son Simone Fassari e Camila Pessi, formados na Escola de Teatro Dimitri (Suíza).

Sábado

Ron Lalá recolleu a fin de semana pasada o Premio do Público 2016

Ron Lalá recolleu a fin de semana pasada o Premio do Público 2016

O FIOT seguirá o seu camiño o sábado con dous novos espectáculos do ciclo Metro Cadrado. O primeiro, Antes que nada, de Faunos, representarase no corredor do Pazo da Cultura en varios pases: 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30h.

Ás 20h, na galería de arte de Manolo Eirín o público poderá asistir ao espectáculo de danza contemporánea As vacacións máis longas, do bailarín Diego M. Buceta.

O prato forte do sábado (20.30 horas) será a representación no Pazo da Cultura de Iphigenia en Vallecas, de Serena Producciones, protagonizada por María Hervás. A obra versa sobre a vida dunha moza que sobrevive sen recursos e que nin estuda, nin traballa nin sabe que facer coa súa vida.

Domingo

Manuel Lourenzo, Xograr de Outono, na exposición de Xoán López Eirís

Manuel Lourenzo, Xograr de Outono, na exposición de Xoán López Eirís

O domingo a programación do FIOT ten unha cita especial ás 20.30h no Pazo da Cultura, que acollerá o acto de entrega do Xograr de Outono ao dramaturgo Manuel Lourenzo, en recoñecemento a unha vida dedicada ao teatro.

Inmediatamente despois, tamén no Pazo da Cultura, será escenificada Commedia, de Contraproducións, un espectáculo de humor, acrobacias e música en directo, todo iso trufado de divertidos equívocos e enxeñosos enredos.

O mesmo domingo, no marco do espazo Café con... e ás 19.00h, o director de "Commedia" comparecerá na sala de TV do Pazo da Cultura para intercambiar opinións e impresións cos afeccionados ás artes escénicas e o público en xeral.

Compartir: