Inicio Áreas Deporte Novas Carballo, sede do Campionato de...

Carballo, sede do Campionato de España Absoluto de Salvamento e Socorrismo por Comunidades Autónomas

Case 90 deportistas de Galicia, Estremadura, Castela-A Mancha, Castela e León, Madrid, Comunidade Valenciana e Cantabria compiten no complexo Carballo Calero

Venres 21 de setembro do 2018

Marcos Trigo, Diego López, Nuria Rodríguez e Evencio Ferrero, na presentación

Marcos Trigo, Diego López, Nuria Rodríguez e Evencio Ferrero, na presentación

O complexo deportivo Carballo Calero acollerá este sábado as probas de piscina do Campionato de España Absoluto de Salvamento e Socorrismo por Comunidades Autónomas, un torneo que non se celebraba desde 2008 e no que esta fin de semana se darán cita 7 seleccións e case 90 deportistas de Galicia, Estremadura, Castela-A Mancha, Castela e León, Madrid, Comunidade Valenciana e Cantabria. O equipo galego está formado por seis homes e seis mulleres, entre eles o larachés do Sal José Enrique Ramilo. Carballo comparte sede co Ézaro, onde o domingo se disputarán as disciplinas de praia. Na organización colaboran o noso Concello, o Club Sysca carballés e a Federación Galega (Fessga).

A competición na Carballo Calero comezará tras o desfile de participantes, previsto para as 9.30 horas. A sesión de tarde disputarase entre as 16.30 e as 19.30. No documento adxunto tedes o programa de probas, seis individuais e catro de relevos.

Presentación

Na presentación do campionato participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o director deportivo da Fessga, o carballés Sergio Quintela; a presidenta da Federación Galega, Nuria Rodríguez, e o seleccionador galego, Diego López.

Trigo, agradeceulle á Federación Galega que contase co Sysca e co Concello para colaborar na organización do nacional. “Sempre existiu un clima de entendemento entre nós e a Federación, así que agardamos que o evento sexa un éxito desde o punto de vista deportivo”.

A presidenta da Federación mostrouse confiada “no éxito do campionato a nivel organizativo, tendo en conta a experiencia que xa demostramos nestas tarefas o Sysca, a Federación e o Concello”.

“Esperamos traer importantes logros deportivos para Galicia e tamén que o evento sexa un éxito de organización, o que permitirá que o campionato teña continuidade despois destes dez anos de parón”, desexou o seleccionador galego.

Insistiu neste asunto o Sergio Quintela: “Gustaríame repetir en Carballo o ano que vén, pero non como sede compartida, senón única, e que as probas de piscina sexan na Carballo Calero e as de praia en Razo”.

Evencio Ferrero mostrouse “encantado de que Carballo sexa sede deste campionato”. “Sempre tivemos como criterio que as instalacións públicas teñen que prestar un servizo público”. “Neste caso”, engadiu, “hai un club, que é o Sysca, que merece todo o recoñecemento, así que sempre nos mostraremos dispostos a colaborar con el e, neste caso, tamén coa Federación Galega, como creo que lle corresponde a unha administración. Nós, orgullosos de que a nosa vila estea no mapa da actividade deportiva”. O alcalde lembrou que en Carballo o salvamento e socorrismo “foi sempre un referente, e ademais sempre houbo moi bos practicantes desta disciplina, mesmo con títulos a nivel de Galicia pero tamén de todo estado; algún deles ata chegou a participar en campionatos do mundo”

Descargas



Galería

Compartir: