Inicio Áreas Cultura Novas Cooper, The Safes e The Parkinsons,...

PRESENTACIÓN NA CASA DO CONCELLO

Cooper, The Safes e The Parkinsons, tres potentes argumentos para non perderse o XiriaPop esta fin de semana

O Casino súmase aos escenarios do festival cun concerto o sábado á tarde no que participarán os carballeses Larkhill e o escocés Howie Reeve

Martes 11 de setembro do 2018

Xabier Graña, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron o cartel do festival

Xabier Graña, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron o cartel do festival

Cos leoneses Cooper como cabeza de cartel e de The Safes (Chicago) e The Parkinsons (Coimbra) para dar máis argumentos á calidade da proposta, o Xiria Pop chega esta semana (Sala Dublín, venres 14 e sábado 15) á súa vixésimo primeira edición, consolidado como un dos referentes do circuíto alternativo de festivais nacionais consagrados ao pop, o rock (con todas as súas etiquetas) e demais sons de apelido anglosaxón. Completan o programa Melange (Madrid), The Oddbllas (Málaga) e Futuro Terror (Alicante), nun formato reducido por axustes de presuposto: tres bandas por noite, no canto das catro que subían ao escenario en anos anteriores. Como novidade de última hora, a organización programou unha actuación máis,  o sábado ás seis da tarde, no Casino de Carballo, onde os carballeses Larkhill serán anfitrións dun baixista Howie Reeve, un músico experimental escocés.

Os prezos, de novo low cost: 10 euros por día e 15 euros o abono para os dous días.

PRESENTACIÓN

Na rolda de prensa de presentación do festival -celebrada esta mañá na casa do concello coa participación do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Cultura, Marcos Trigo-, o fundador, alma e factótum  do Xiria Pop, Xabier Graña, debullou polo miúdo o cartel. “O grupo franquía é Cooper; ademais temos a sorte de que nin tocou en Galicia ni vai tocar ata finais de ano [o bolo previsto en Ourense hai unhas semanas adiouse en dúas ocasións polo mal tempo e acabou suspendéndose]”. “Cooper _engadiu_ chega desta volta a Carballo cun proxecto diferente do que viña ofrecendo: agora xira con oito músicos, sección de metal, teclados outra vez...”

Cooper pechará a noite do venres, logo de The Safes, “un grupo de Chicago que eu creo que vai sorprender a todo o mundo porque é unha mestura, pero boa, de britpop, pop norteamericano dos 90, power pop... Tocan varios paus e moi atinadamente”, explicou Graña. Antes, abrirán o festival os madrileños Melange, “unha banda nova pero formada por músicos moi experimentados, con traxectorias en formacións tan importantes como, por exemplo, os Imposibles. Agora está moi de moda a psicodelia, que nós levamos ofrecendo desde hai moitos anos, pero porque estea de moda non imos deixar de ofrecela”.

“Ten moito mérito que o Xiria Pop siga manténdose ao longo destes vinte e un anos, e medrando para ofrecer algo diferente e alternativo”, afirmou Marcos Trigo

Como banda punteira do sábado chegarán The Parkinsons, “un grupo bastante famoso polo escandaloso dos seus concertos e aos que Johnny Ramone convidou a tocar nalgunha das súas festas de aniversario, o cal é un selo de garantía: vai ser, seguro, un concerto moi divertido”. Precederán aos portugueses The Oddballs, “o grupo máis xiriapop desta edición, o grupo xiriapop de sábado por excelencia”. A outra banda do cartel son os alicantinos Futuro Terror, “un grupo novo e de rapaces novos, ademais, cun directo boísimo, moi contundente, que está tendo moito éxito entre a xente nova”.

“Ten moito mérito que o Xiria Pop siga manténdose ao longo destes vinte e un anos, e medrando para ofrecer algo diferente e alternativo”, afirmou Marcos Trigo. “Desde que se consolidou con dous días de cartel, puidemos gozar en Carballo da mellor música”. Evencio Ferrero recoñeceulle a Xabier Graña “a capacidade de seguir implicado na organización do festival, con ese voluntarismo tenaz e disposto pechar, con moito traballo, un programa tan atractivo que fai que a xente queira vir cada ano ao Xiria Pop”.

HORARIOS

Venres 14
SALA DUBLÍN (Apertura de portas, 21.30)
Melange: 22.15
The Safes: 23.30
Cooper: 00.45         

Sábado 15
CASINO
Larkhill: 18.00
Howie Reeve: 19.00

SALA DUBLÍN (Apertura de portas, 21.30)
Futuro Terror: 22.15
The Oddballs: 23.30
The Parkinsons: 00.45



Galería

Compartir: