Inicio Áreas Deporte Novas O II Desafío Milagrosa...

O II Desafío Milagrosa volverá a converter o barrio no circuíto dunha orixinal carreira de obstáculos

Xa está aberto o prazo de inscrición para a proba, que se celebrará o sábado 1 de setembro, coincidindo coas festas da Milagrosa

Mércores 22 de agosto do 2018

O Parque da Milagrosa acollerá o sábado 1 de setembro, desde as 9.30 horas, o II Desafío Milagrosa, unha carreira de obstáculos na que os participantes, maiores de 16 anos, deberán completar un percorrido de 1.000 metros con 18 retos -pasar a través de un coche desmontado, mover pacas de palla, cruzar andamios, zonas de reptado e equilibrio, ramplas engraxadas etc.-, máis unha segunda volta xa sen obstáculos. Organiza a Asociación de Comerciantes, Empresarios, Hostaleiros e Profesionais do barrio da Milagrosa, en colaboración co Concello de Carballo, Carballo Deporte, Policía Local e Protección Civil.

A inscrición -individual ou por equipos, de balde e ata un máximo de 110 corredores- pode formalizarse na seguinte ligazón ata as 23.59 horas do mércores 29 de agosto: https://www.carreirasgalegas.com/carreira/ii-desaf-o-a-millagrosa/61828592-1a17-e4e0-dfce-39e813ab2f98

A inscrición -individual ou por equipos, de balde e ata un máximo de 110 corredores- pode formalizarse ata as 23.59 horas do mércores 29 de agosto en www.carreirasgalegas.com

Como novidade nesta edición -ademais da competición por equipos, que non se disputou en 2007-, a proba estará regulada por xuíces árbitros da Federación Galega de Atletismo.

Todos os corredores que rematen a proba recibirán unha medalla “Finisher”. Tamén se entregarán trofeos para os tres primeiros homes e para as tres primeiras mulleres, así como medallas para todos os integrantes dos tres primeiros equipos clasificados.

Instalaranse duchas e baños nas dependencias do Forum Carballo e avituallamento líquido na zona de meta. Ademais, un grupo de zumba animará a carreira.

Presentación

O concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e a alcaldesa accidental, Belén Lendoiro, asistiron á presentación da carreira, na que tamén participaron o presidente da  Asociación de Comerciantes, Empresarios, Hostaleiros e Profesionais do barrio da Milagrosa, José Manuel Mancebo, e Moncho Ríos, director da carreira.

Trigo salientou a “notable dinamización que está a vivir o barrio da Milagrosa grazas a eventos como esta carreira e outras iniciativas que se celebran ao longo do ano. Así que desde o Concello o menos que podemos facer é desexar que a proba sexa un éxito, como xa foi o ano pasado”. Lendoiro subscribiu as palabras do concelleiro de Deporte: “Comparto totalmente as palabras de Marcos e tamén quero felicitar á organización polo seu esforzo e traballo, e animar á xente a participar”.

Mancebo apostou pola continuidade da proba para os vindeiros anos: “A ver se somos quen de consolidar este evento para os próximos anos: para nós sería un logro poder celebralo cantas máis edicións mellor”.

Logo de debullar polo miúdo todos os detalles técnicos da proba, Ríos explicou: “Vai estar a Federación regulando saídas e chegadas, e tamén cronometrando con dorsais chipeados. Esta achega informática é moi importante e implicará un custo, por iso debemos agradecer o esforzo económico que fará a Asociación de Empresarios da Milagrosa e que suporá un impulso de calidade e base á carreira”.

Descargas

Compartir: