Inicio Áreas Cultura Novas Trinta agrupacións musicais de...

Trinta agrupacións musicais de todo tipo súmanse ao novo Programa de Actuacións do Concello de Carballo

As asociacións, comisións ou entidades culturais e sociais sen ánimo de lucro xa poden presentar as solicitudes de actuacións

Mércores 18 de xullo do 2018

Seis grupos de música e danza tradicional, cinco de gaitas, outros cinco de cantareiras, tres corais de menos de 30 compoñentes e catro que superan esa cantidade, ademais de sete conxuntos musicais, adheríronse ao novo Programa de Actuacións Musicais do Concello de Carballo, unha proposta que trata de contribuír á promoción da música e do folclore do noso concello, difundir o labor que realizan as agrupacións afeccionadas e, ao mesmo tempo, colaborar coas entidades que organizan actos culturais e sociais ao longo do ano facilitándolles recursos que contribúan a enriquecer eses eventos.

Unha vez recibidas e aceptadas as 30 solicitudes, é agora a quenda das asociacións culturais ou veciñais, comisións de festas ou calquera outra entidade de carácter ou cultural, que xa poden solicitar as actuacións desas agrupacións. Os únicos requisitos que deben cumprir, ademais de non ter ánimo de lucro, é ter domicilio social en Carballo, organizar actos que inclúan actuacións musicais e solicitar unha agrupación de distinta parroquia.

O Concello de Carballo financia dúas actuacións de cada unha das agrupacións participantes de acordo co seguinte baremo:

  • Grupos de música e danza tradicional ............. 350 €
  • Grupos de gaitas .............................................. 260 €
  • Grupos de cantareiras ....................................... 260 €
  • Masas corais (entre 10-29 compoñentes).......... 260 €
  • Masas corais (a partir de 30 compoñentes) ...... 425 €
  • Orquestras, conxuntos e bandas de música........350 €

Os impresos de solicitude, así coma os de xustificación das actuacións, a relación de agrupacións e toda a información relativa ao programa está dispoñible aquí. Lédea con atención e lembrade que o prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro e que o impreso debe presentarse como mínimo 15 días hábiles antes da actuación.

Compartir: