Inicio Áreas Cultura Novas Milladoiro adentraranos nun mar de...

VERÁN CULTURAL

Milladoiro adentraranos nun mar de cultura no que tamén se mergullarán Susana Seivane, Xabier Díaz ou Amancio Prada

O Concello de Carballo volve a contar co apoio da Deputación da Coruña e da Fundación Luis Calvo Sanz para ofrecer unha programación estival de gran calidade

Venres 29 de xuño do 2018

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Luciano Calvo presentaron o Verán Cultural

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Luciano Calvo presentaron o Verán Cultural

Este verán viviremos un auténtico tsunami cultural en Carballo. O mar entrará de cheo da Praza do Concello desde os primeiros compases do Verán Cultural, porque arrancamos o sábado 7 co Festifolk, no que teremos o privilexio de celebrar con Milladoiro os seus corenta anos sobre os escenarios e de coñecer en primicia, antes de que o presenten en Ortigueira, o seu disco número 26: Atlántico.

Nese océano inspirador, mesmo para o chulísimo cartel do Verán Cultural, mergullarémonos ata o 30 de agosto xunto a outros grandes nomes da música e da cultura galegas. Polo escenario da Praza do Concello pasarán Magín Blanco, Caxade, Susana Seivane, A Banda da Loba, Píscore, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Amancio Prada, que regresa a Carballo grazas á inestimable colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz.

Presentación

O seu presidente, Luciano Calvo, acompañou hoxe ao alcalde, Evencio Ferrero, e ao concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na presentación dunha programación para todos os públicos, aberta, diversa e gratuíta. “O Verán Cultural –lembrou Marcos Trigo- celébrase de maneira continuada desde hai máis de vinte anos e constitúe a mellor oferta cultural do verán da comarca”.

“A mellor música de Galicia pasará este verán por Carballo”, asegurou Evencio Ferrero, que expresou o seu recoñecemento e agradecemento á Fundación Luis Calvo Sanz, porque “grazas ás súas achegas esta programación é posible”. O alcalde manifestou o seu desexo de que “a xente siga tendo a Carballo como unha referencia cultural e musica, e que na Praza do Concello esteamos nesa festa prolongada coma ágora onde convivimos todos e todos desfrutamos desa convivencia”.

O presidente da Fundación Luis Calvo, pola súa banda, manifestou a súa satisfacción por poder colaborar unha vez máis nun “programa moi atractivo, moi variado, e espero que teña moi boa acollida pola xente de Carballo e da comarca”.

Aínda que a música é unha parte moi importante da programación, o Verán Cultural de Carballo é moito máis. Haberá cine ao aire libre tanto no casco urbano coma nas parroquias, cursos, exposicións, rutas, romarías e unha chea de festas nas que Marcos Trigo convidou á veciñanza a participar. A oferta de actividades arrincará en plena Praza dos Libros, o día 7, co Festifolk, e a partir de aí todos os venres teremos espectáculos ata o xa tradicional peche do verán co Festival de Música e Baile Tradicional das agrupacións locais.

No documento adxunto atoparedes o programa completo.

Descargas

Compartir: