Inicio Áreas Cultura Novas O Rockin’ soará da...

O Rockin’ soará da mañá á noite do 30 de xuño con oito das mellores bandas do momento

Este sábado reuniremos en Carballo a Knives, Cora Sayers, Hermanos Cubero, Ezetaerre, Zënzar, Kurt Baker Combo, The Unfinished Sympathy e Power Solo

Mércores 27 de xuño do 2018

O programa do festival do sábado 30 mantense sen cambios

O programa do festival do sábado 30 mantense sen cambios

Este ano o Rockin' Carballo, o festival programado pola Concellaría de Mocidade dentro do programa das Festas de San Xoán, chega disposto a facer historia. E a verdade é que o cartel non é para menos. 

Ao longo da xornada deste sábado 30 reuniremos en Carballo a unha banda debutante e a sete xa consolidadas e que son, ademais, das máis atractivas do panorama musical actual. Este ano volvemos a apostar por levar a música a distintos espazos urbanos. No Escenario Palmeira do Xardín Municipal tocarán a partir das 13.00 horas os carballeses Knives, que se presentan en sociedade arroupados nada máis e nada menos que pola extraordinaria voz de Cora Sayers e o estilo único de Hermanos Cubero, que veñen con novo disco e un son máis bluegrass, pop e country ca nunca. Como as previsións meteorolóxicas para o sábado tampouco son moi boas, o noso plan B en caso de choiva é cambiar a Palmeira polo segundo andar do Mercado Municipal.

A partir das 19.30 horas trasladarémonos á carpa do Escenario Rego da Balsa para continuar o festival e desfrutar da boa música ata unha hora prudente que nos permita celebrar o domingo a Festa do Bosque. Atent@s ao cartel, porque paga moito a pena. Ezetaerre, Zënzar, Kurt Baker Combo, Power Solo e The Unfinished Symphaty protagonizan a parte musical máis alternativa do San Xoán. E ademais de balde!

Este ano, por certo, temos camisetas coa imaxe de Jim Morrison que xa están á venda na Biblioteca Rego da Balsa e no Recuncho Ecolóxico (Mercado Municipal) a 10 euros, e con agasallo dunha chapa incluído. Non quedes sen a túa!

Compartir: