Inicio Áreas Cultura Novas O Rockin’ máis ecléctico...

O 29, PRE ROCKIN FEST CON TRES GRUPOS E NOVO ESCENARIO

O Rockin’ máis ecléctico e alternativo soará da mañá á noite do 30 de xuño con oito das bandas máis atractivas do momento

A partir de mañá martes estarán á venda as camisetas coa imaxe do cartel

Luns 25 de xuño do 2018

O de 30 xuño o Rockin’ Carballo volverá a ser unha das citas obrigadas do circuíto estival de concertos que se celebran en Galicia. Sete das bandas que pasarán polos escenarios Palmeira (Cora Sayers e Hermanos Cuberoas, desde as 13.00 horas) e Rego da Balsa (Ezetaerre, Zënzar, Kurt Baker Combo, Power Solo e The Unfinished Symphaty, desde as 19.30) son das máis atractivas do panorama musical actual. A elas súmanse uns case debutantes, os carballeses Knives, que compartirán sesión matinal no Xardín Municipal.

Pero este ano o Rockin’ non só se estende da mañá á noite, senón que empezará a quentar motores o venres 29 co Pre Rockin’ Fest, que amplía a programación do festival con tres novas bandas e un novo escenario. A partir das 22 horas pasarán polo Escenario Milagrosa (Fórum Carballo) os coruñeses Cloaca e Playadesmayo, e desde Malpica contaremos con Antón Dj. Todo, como o resto da programación que promoven a comisión de festas e a Concellaría de Mocidade, de balde.

Este ano teremos camisetas coa imaxe de Jim Morrison despois da boa acollida que tiveron o ano pasado as de Jimi Hendrix, que iniciou unha serie de carteis dedicados aos grandes nomes da música rock. As camisetas estarán á venda na Biblioteca Rego da Balsa e no Recuncho Ecolóxico (Mercado Municipal) a 10 euros. Con cada unha regalarase unha chapa.

Quen é quen no Rockin’

Desde a Asociación San Campio, de Cances, chega Knives, banda onde se mesturan diferentes especies. Parte de Bergantiños, parte da Coruña capital, nesta formación hai experiencia e frescura para crear un son ben especial. Míchel (KM0, Mac N’Rones), ao baixo; Jose (Pülsar, Luis Moro, Lady Leño), á batería; e Nacho (Peces Barba, Lowcos, Psychofonía) á guitarra, xúntanse cos noveis Cris (voz) e Alejandro (guitarra)  para desfrutar facendo o que máis lles gusta. Sons ambientais, e-bows e distorsión acompañan a cancións rock e pop de toda a vida, dándolle así un toque moderno a composicións clásicas. A algúns soaralles a sinte-pop; a outros, a trip-hop; mesmo haberá quen dirá que a indie-rock. Ven ao Rockin’ e saca as túas conclusións.

Cora Sayers (Pontevedra, 1991) é o proxecto que forma en solitario a actriz Cora Velasco no verán de 2014, logo de cantar como corista en bandas pontevedresas como 1000 Demonios Blues Band ou Querido Extraño. Baixo ese nome grava dos traballos, Origen (2014) e I'm Home (2016), no que se pode rastrear a importante presencia de PJ Harvey na música de Cora. Actualmente xira por toda España e Europa para presentar Sandoval, 4, o seu novo EP, en castelán, onde volve ser protagonista unha voz extraordinaria e inimitable ao carón dunhas igualmente boas cancións.

Dous irmáns de Guadalaxara deciden dedicarse á música folk e cantar xotas con espírito de bluegrass, só guitarra e mandolina a pelo, e a cousa funciona. Con Arte y orgullo (2016) os Hermanos Cubero (Enrique e Roberto) foron para moitos o mellor que lle pasou á música de raíz en España. Chegan a Carballo co seu novo disco, Quique dibuja la tristeza, onde xa no hai versións de cantos antigos ou referencias á terra, senón o autorretrato íntimo de Enrique Cubero nun momento terrible logo do falecemento da súa muller. Máis bluegrass, pop e country que nunca, o LP gravouse en directo e sen instrumentos eléctricos nunha adega de Valladolid; para a ocasión, coa colaboración de Jaime del Blanco, ao violín e viola, e de Oriol Aguilar, ao contrabaixo.

Os coruñeses Ezetaerre son un grupo de rap combativo en galego. Formado en 2016, convertéronse en moi pouco tempo nunha das grandes revelacións da música galega. E todo comezou cun tema en clave humorística, gravado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña. As súas cancións están cheas de referencias políticas e culturais, cuns ritmos melódicos e eclécticos moi afastados do rap máis convencional: coa combatividade por bandeira e a clara convicción de poñer a música ao servizo da xente. Todas estas ideas materializáronse nunha maqueta e no seu primeiro disco, Aspiracións mínimas e urxentes. Toda unha declaración de intencións: “temos un  pasado do que sentirnos moi orgullosas, mais agora tócanos a nós mover ficha”. Ezetaerre formouse coa vontade de empregar a música como ferramenta, sempre coa intención  de mudar a realidade. En novembro de 2017 presentan 100, un maxi  single de tres temas coa colaboración, entre  outros, de Banda Bassotti: un novo paso adiante e a constatación de que Ezetaerre é e será unha das referentes do hip hop máis combativo.

Os cercedenses Zënzar aterrarán en Carballo como os decanos da música rock en galego (comezaron en 1987 co nome de Mördor, antes de pasar en 1993 a chamarse como na actualidade). Camiñando entre serpes (2015) é o décimo e ata agora último traballo dos de Meirama, que aí seguen, ben en forma e cheos de forza: Manolo García (batería), Bocixa (voz), Mario Grela (guitarra e voces) e Paco Cerceira (guitarra e voces), aos que se sumou Laura Romero (baixo) en 2016. Camiñando entre serpes e un traballo no que caben os gaitas, o rock truculento e os ritmos ragg ou festivos con base ska, que arroupan sempre letras cargadas de sentido reivindicativo e combativo. “Simboliza”, din, “unha época escura para a sociedade, na que aquelas persoas que gobernan o mundo fano só para as grandes transnacionais”.

Kurt Baker Combo é un máis dos moitos proxectos do trasgo de Portland (Maine) afincado en Madrid . Esta vez acompañarano tres músicos leoneses de longo currículo: no baixo, Juancho López (Paul Collins Beat, Peralta, The Crepitos, Bummer, Thunderbolts…); na guitarra e coros, Jorge Colldan (Holy Sheep, The Flash, The Bright…); e, na batería e coros, Sam Malakiam (Alrighters, Platillos Volantes).  No seu novo traballo Let´s go Wild!, que presentarán na carpa Rego da Balsa, móstranse moito máis maduros e abren a súa paleta de influencias sen ningún complexo : soan a glam rock, punk, garaxe, power pop... e ata deixan ver pinceladas de motown , psicodelia e moita new wave. E todo iso sen perder un chisco de frescura.

The Unfinished Sympathy sempre tivero moita arte, aínda que nunca foran de artistas. O seu é a ourivaría voltaica, a artesanía lírica, o amor ao traballo ben feito. A súa irrupción a primeiros do 2000, no bulicioso contexto musical da Barcelona post-Cobi e pre-AirBnB, supuxo unha alegría para os amantes das guitarras afiadas, as melodías perdurables e o estrago de enerxía escénica. Durante a primeira década do presente século, o cuarteto liderado polo cantante e guitarrista Eric Fuentes publicou cinco valiosos álbums e algúns EPs, acadando ese máis-difícil-aínda polo que a inmensa maioría de grupos suspira: acuñaron un son característico, instalaron varias das súas partituras na memoria colectiva dos melómanos con inquietudes e impuxeron a súa lei en escenarios de toda condición. Tres dos antigos membros da banda –Fuentes, o guitarrista Oriol Casanovas e o baixista Joan Colomo– seguen estando aí. Úneselles, tras os parches, Víctor García, outra figura cardinal da escena catalá. A renovada alianza empeza a dar saborosos froitos: It’s a Crush!, o sexto álbum do grupo, non só está á altura das esixentes circunstancias, senón que produce unha progresiva euforia conforme acumulamos escoitas.

Pero PowerSolo continúan con determinación cos seus característicos sons dos anos 50,  60 ou mesmo os 70, e cancións que nos remiten ás recompilacións de Las Vegas Grind e Nuggets, ao blues, ao rockabilly, ao punk, ou a rhythm & blues, aos que hai que sumarlles ese punto de loucura. A forza da natureza que é Kim Kix e a súa feliz banda están de novo encamiñando a súa viaxe cara clubs, festivais, antros, salas de concertos, bares e calquera tipo de local de entretemento. E a Carballo veñen cun novo material pateacús como o é o álbum BO-PEEP e un EP de 4 cancións unha edición limitada para o Record Store Day. Describir o resultado final é un reto, pero vamos a intentalo: é un bo disco.  Moi bo. O que o doutor te receita. Do que o teu pai te previu. É megatóxico pero altamente aditivo.



Galería

Compartir: