Inicio Áreas Cultura Novas Café Quijano mellorou unha noite...

HOXE, DESCENSO DO ANLLÓNS, ORQUESTA ANACONDA E FOGOS ARTIFICIAIS

Café Quijano mellorou unha noite espléndida cun concerto espectacular que ateigou a Praza do Concello

Milleiros de persoas asistiron a unha das grandes actuacións do San Xoán, que continúa con outra xornada repleta de actividades

Luns 25 de xuño do 2018

A pasada foi unha desas noites que lembraremos durante moito tempo, porque semella que se aliaron todos os factores para ofrecernos un San Xoán espectacular. A temperatura non baixou dos 20 graos, algo pouco corrente en Carballo, e ademais na Praza do Concello tivemos a sorte de asistir a unha actuación de primeira: o concerto de Café Quijano, que mellorou unha noite espléndida.

O trío leonés non só se amosou próximo, accesible e agradecido a un público entregado e que ateigou a Praza do Concello, senón que respondeu cunha actuación perfecta desde todos os puntos de vista. Soaron de marabilla, animaron e atinaron de pleno co repertorio, que rematou con toda a praza facendo os coros de Lola.

Cunha traxectoria de 20 anos, oito discos e máis de dous millóns e medio de copias vendidas, Manuel, Óscar e Raúl –os irmáns Quijano- regresan aos escenarios pola porta grande e conseguindo o difícil reto, como demostraron a noite pasada, de conquistar ao público de todas as xeracións. Durante as case dúas horas que tocaron en Carballo demostraron que tanto cos seus éxitos de sempre coma cos novos, Perdonarme e Mina, teñen moito que dicir aínda no panorama musical.

Pero se o concerto de Café Quijano cumpriu con creces as expectativas, a actuación da orquestra Olympus, cun escenario, un vestiario e un despregue de son, luces e decorados impresionantes, puxo o broche dunha noite memorable. A Olympus regresou á nosa vila con moitas ganas de reencontrarse co público carballés e deuno todo ata ben entrada a madrugada.

Hoxe e mañá

E hoxe continúa o San Xoán con outra xornada repleta de actividades. O pasarrúas soarán durante toda a mañá ata a misa na honra do Santísimo (12.30), á que seguirá a procesión máis tradicional de Carballo acompañada coa Banda de Música de Negreira. E ás 14 horas, no adro da igrexa de San Xoán Bautista poderemos escoitar á Banda da Escola de Música de Rianxo.

Pola tarde, ás 18 horas, nova cita na Ponte de Bértoa coas 18 carrilanas acuáticas que participan no Descenso do Anllóns, no que repartiremos 2.375 euros en premios e subvencións. Non deixedes de seguir o percorrido ata o Parque do Anllóns, onde contaremos coa animación da Charanga Ruada.com.

Pola noite, última verbena da semana grande coa orquestra Anaconda, unha formación cántabra con 10 anos de historia e que nestes momentos está considerada como unha das mellores de España. Comprobaremos por que a partir das 22.30 na Praza do Concello. E despois de dúas horas de actuación, ás 00.30 fará un descanso para que poidamos asistir desde a Agra da Lagoa á gran sesión de fogos artificiais.

Mañá aínda teremos San Xoán. Celebraremos o Día do Neno nas Barracas, con descontos nas atraccións do San Martiño, a Banda Municipal de Gaitas realizará pasarrúas desde as 12.00 horas e ás 12.30 celebrarase a misa na honra da Virxe do Carme seguida da procesión.



Galería

Compartir: