Inicio Áreas Deporte Novas Un total de 670 nenas e nenos rematan...

Un total de 670 nenas e nenos rematan esta semana a campaña de natación promovida pola Concellaría de Deporte

O alcalde e o concelleiro asistiron, xunto coas familias, ao acto de entrega de medallas na primeira das xornadas de portas abertas, que rematarán mañá venres

Xoves 21 de xuño do 2018

Este ano tivemos a 1.700 persoas participando nas actividades deportivas dirixidas que organiza o Concello de Carballo a través da Concellaría de Deporte. A maior parte son usuarios e usuarias das piscinas que asisten ás diferentes actividades acuáticas, e estes días toca despedir o curso. Un total de 670 nenos e nenas rematan a campaña de natación infantil con varias xornadas de portas abertas na piscina do complexo deportivo Vila de Noia.

Ata alí achegáronse onte o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, para asistir, xunto coas familias, ao acto de entrega de medallas. As xornadas de portas abertas continúan hoxe e mañá nos horarios habituais das sesións de natación, entre as 16.30 e as 20.00 horas.

Neste curso que agora remata destacou o incremento de 120 prazas no programa de natación infantil, o que permitiu eliminar as listaxes de agarda para abonados/as de cinco e máis anos. O departamento de Deporte realizará unha valoración da temporada para intentar seguir mellorando.

Ademais da escola de natación infantil, con 670 alumnos/as a partir de 0 anos, a oferta de actividades con monitor/a do Concello de Carballo tamén inclúe natación para adultos, natación terapéutica, natación para a terceira idade, aquagym, natación para embarazadas, ximnasia de mantemento para adultos/as e exercicio físico para maiores.

Entre as 1.700 persoas que utilizan asiduamente as instalacións deportivas municipais non figuran as usuarias da sala fitness ou de baño libre nin as pertencentes ao asociacionismo deportivo, o que demostra o elevadísimo nivel de uso que teñen as instalacións do Concello de Carballo.

Compartir: