Inicio Áreas Deporte Novas A rede de instalacións escolares...

A rede de instalacións escolares xestionadas polo Concello fóra do horario lectivo medra co pavillón do CEIP San Luís Romero

Xa son cinco os centros educativos que abren os seus polideportivos ao público

Martes 5 de xuño do 2018

Representantes do Concello, da comunidade educativa e da empresa que fixo as obras, nunha visita ao pavillón

Representantes do Concello, da comunidade educativa e da empresa que fixo as obras, nunha visita ao pavillón

O Concello de Carballo continúa a traballar en diversas frontes para mellorar as instalacións deportivas e optimizar o seu uso, dando resposta deste xeito a unha demanda crecente que vén derivada da intensa actividade deportiva que desenvolve o movemento asociativo no noso concello. Nesa liña de traballo enmárcanse os convenios de colaboración asinados cos centros educativos para poder xestionar e utilizar as instalacións deportivas escolares fóra do horario lectivo. O último en sumarse á rede foi o CEIP Xesús San Luís Romero.

Segundo o convenio de colaboración aprobado entre o centro educativo e o Concello de Carballo, o pavillón, o ximnasio e os vestiarios do colexio estarán abertos de luns a venres de 16.30 a 23.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. O Concello encargarase do plan de uso, de controlar que as instalacións queden en boas condicións e de asumir os gastos de mantemento derivados da utilización das instalacións, nas que vén de realizar un investimento de 121.883,30 euros. O pavillón foi renovado por completo, tanto polo peche como pola substitución do pavimento e do equipamento, a mellora da iluminación e da accesibilidade desde o colexio. A maiores, e sen custe algún para o concello de Carballo, a empresa construíu dous aseos e un almacén e realizou outras actuacións menores valoradas, en conxunto, en máis de 20.000 euros.

O CEIP Xesús San Luís Romero incorpórase deste xeito a un grupo de instalacións deportivas da que tamén forman parte os institutos Isidro Parga Pondal e Monte Neme e os colexios Nétoma-Razo e Fogar, nos que tamén se realizaron melloras. O Concello de Carballo ten previsto seguir alongando a rede para que tamén se sume a ela o CEIP Gándara-Sofán.

Compartir: