Inicio Áreas Cultura Novas Alumnado dos institutos carballeses...

A SESIÓN REMATARÁ CUN ENCONTRO COA SIRIA FADILE CHAMI

Alumnado dos institutos carballeses asiste á representación do espectáculo gañador do I Premio Luísa Villalta pola Igualdade

“1879. Casa de bonecas” é o primeiro proxecto de Clásicos1h, que teatraliza conflitos da vida real para facelos máis visibles e comprensibles

Sábado 19 de maio do 2018

1879. Casa de Bonecas é o primeiro espectáculo de Clásicos1h

1879. Casa de Bonecas é o primeiro espectáculo de Clásicos1h

Despois de asistir á representación da coprodución do FIOT “Fillos do Sol” no arranque deste maio cultural, o alumnado dos institutos Monte Neme, Isidro Parga Pondal e Alfredo Brañas regresará este luns 21 ao auditorio do Pazo da Cultura para converterse en testemuña do nacemento dun novo proxecto artístico e social.

1879. Casa de Bonecas é o primeiro espectáculo de Clásicos1h, un proxecto de creación de contidos artísticos que busca a teatralización da realidade para o mellor entendemento dos conflitos que a configuran, e que obtivo o I Premio Luísa Villalta pola Igualdade convocado pola Deputación da Coruña.

Como poñer fin á situación de desigualdade entre homes e mulleres? É o sistema patriarcal o modelo dende o que impulsar os cambios necesarios para unha sociedade máis xusta? Que valor teñen os clásicos do teatro universal en tempos dos Ipad e do Instagram? Durante 60 minutos, as alumnas e os alumnos poderán reflexionar sobre estas e outras cuestións e mergullarse no auténtico drama que articula a sociedade patriarcal: a submisión absoluta da muller á vontade masculina. Descubrirán a Nora Helmer, unha heroína que rachou dun golpe de porta con todas as regras e convencións e empezou a pensar e vivir por ela mesma.

Casa de Bonecas é o clásico de Henrik Ibsen, escrito en 1879, o primeiro manifesto feminista do teatro. Un texto que alimenta desde o máis profundo un futuro esperanzador, no que a muller é libre para tomar as súas propias decisións.

Ademais, ao rematar a representación haberá un encontro con Fadile Chami, unha "Nora real", que traballa a prol dos dereitos das mulleres sirias emigradas ao continente europeo.

Compartir: