Inicio Áreas Deporte Novas O Concello de Carballo recibe...

O Concello de Carballo recibe parcialmente as obras do campo de fútbol de Sofán, que xa está en condicións de ser usado

A recepción definitiva realizarase despois de comprobar o funcionamento da instalación e da resolución de defectos puntuais que poidan xurdir

Luns 14 de maio do 2018

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cun directivo da SD Sofán durante unha visita ao campo

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cun directivo da SD Sofán durante unha visita ao campo

O renovado campo de fútbol do Carral xa está en condicións de ser usado, e por iso o Concello de Carballo vén de realizar a recepción parcial das obras coa intención de poñelo canto antes a disposición da SD Sofán, que xa o utilizou esta fin de semana, e do resto dos clubs do municipio que o soliciten. Antes de realizar a recepción definitiva haberá que comprobar o funcionamento da instalación e terán que resolverse posibles defectos puntuais que poidan xurdir. Neste sentido, a empresa Lancer dispón de tres meses para corrixir as engurras transversais ou os puntos con aparente descenso de cota detectados na revisión realizada polos técnicos, que avalan o bo estado xeral das obras.

O Concello de Carballo investiu 442.539,94 euros no campo de fútbol de Sofán. As obras, financiadas con cargo ao plan provincial POS +, centráronse na substitución da herba actual por céspede artificial de última xeración, monofilamento, sobre unha base de zahorra compactada e unha sub-base elástica prefabricada. Ao mesmo tempo renovouse o equipamento do campo: porterías, bandeiríns, rede de rego, varandas... Pero a actuación foi máis alá do recinto de xogo, posto que, entre outras melloras, tamén se incluíu a construción dun novo depósito de auga, o remate do peche da parcela, que ten 7.000 metros cadrados de superficie, e a ampliación dos vestiarios cun novo módulo no que tamén se sitúan un cuarto de instalacións e un almacén.

Dentro do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas deportivas, nos dous últimos anos procedeuse a renovación do céspede artificial do campo das Eiroas, de uso masivo, e da instalación tamén deste tipo de céspede no Carral para dar cabida ao importante crecemento experimentado pola SD Sofán nos últimos anos.

Compartir: