Inicio Áreas Cultura Novas Medio millar de estudantes de...

Medio millar de estudantes de secundaria asistiron hoxe á representación da coprodución do FIOT “Fillos do sol”

O auditorio do Pazo da Cultura foi o escenario de dúas funcións organizadas pola Concellería de Cultura para inaugurar o programa das Letras Galegas

Martes 8 de maio do 2018

"Fillos do Sol" é unha peza de homenaxe a Pondal no centenario da súa morte

Medio millar de alumnos e alumnas dos IES Isidro Parga Pondal, Monte Neme e Alfredo Brañas e do colexio Artai asistiron hoxe á representación de Fillos do Sol, a última coprodución do FIOT, nesta ocasión xunto con Contraproducións, que conmemora o centenario da morte de Eduardo Pondal.

O alumnado de secundaria tivo que repartirse en dúas funcións

O alumnado de secundaria tivo que repartirse en dúas funcións

A obra, de feito, e unha elucubración teatral sobre a figura do bardo pontecesán e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor, Os Eoas. A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, Eduardo Pondal, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo coma interlocutores a un personaxe nacido da súa perturbación e á criada da pensión na que está albergado, Rosa, á que dá vida a actriz carballesa Alba Bermúdez.

Fillos do Sol, escrita e dirixida por Cándido Pazó, foi estreada no último FIOT, converténdose nunha contribución artística do propio festival a unha conmemoración cultural tan relevante para a comarca de Bergantiños como o centenario do falecemento dun referente para as letras galegas. Precisamente con esta actuación arranca a programación do Concello de Carballo arredor do 17 de maio.

Compartir: