Inicio Áreas Deporte Novas O 9º Autocross Concello de...

O 9º Autocross Concello de Carballo abre o calendario autonómico coa inscrición máis alta dos últimos anos

Un total de 64 pilotos/as teñen confirmada xa a súa presenza este sábado no Circuíto Municipal de Bértoa

Xoves 26 de abril do 2018

Montse García, Juan Puga, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron hoxe a carreira

Montse García, Juan Puga, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron hoxe a carreira

Co  9° Autocross Concello de Carballo comeza este sábado no Circuíto Municipal de Bértoa, organizado pola escudería local Máis Motor, o campionato galego da especialidade. Será a primeira das dúas citas do calendario autonómico que se disputen na nosa vila; pola seguinte teremos que agardar ata o 29 e 30 de setembro. 64 pilotos, entre eles os mellores condutores da comarca, loitarán polo triunfo nas catro categorías en competición: 14 na categoría de -1.600 c.c., 15 na de +1.600, 31 en carcross e 4 na de 4x4.

Como en anteriores edicións, a proba terá un carácter solidario, tamén este ano a beneficio de Cruz Vermella, que instalará no circuíto unha caseta onde recollera doazóns de produtos de primeira necesidade destinados ás familias con menos recursos.

Tras as verificacións técnicas e administrativas da mañá, ás 12.00 horas comezarán os adestramentos libres; ás 13.15, os adestramentos oficiais; ás 15.30, as semifinais ás 17.15, as finais B; e ás 18.20, as finais.

Presentación

A proba presentouse está mañá na Casa do Concello nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e Juan Puga e Montse García, presidente e secretaria de Máis Motor.

“Máis Motor é un bo exemplo -dixo Trigo- do mellor traballo: do que deixa constancia de que o máis difícil non é chegar, senón manterse, e esa constancia e profesionalidade mostrouna a escudería ao longo dos anos desde a reactivación do circuíto municipal, ata conseguir situar a instalación de Bértoa no mapa non só do autocross galego, senón tamén do estatal”.

A escudería Máis Motor realizou melloras no Circuíto Municipal de Bértoa

A escudería Máis Motor realizou melloras no Circuíto Municipal de Bértoa

“Xa está todo preparado para a carreira”, asegurou Puga. “Fixemos unhas pequenas melloras no circuíto, non só no trazado ou nas instalacións, senón tamén de saneamento ou drenaxe, moi necesarias despois dun inverno tan chuvioso como o que pasamos”.

“Nesta edición temos –engadiu- unha inscrición importante, a máis numerosa dos últimos anos, con 64 pilotos, entre eles os condutores da zona máis destacados, como Dani Vázquez, Dani Castro, Dani Mariño, Maikel Vilariño, Juan Vilariño, Ismael García, Cobas ou Sandra García”.

Ferrero insistiu, como xa apuntase o concelleiro de Deporte, en que o circuíto de Carballo “é unha referencia dentro da Federación Galega, pero tamén da propia Federación Española. No Concello valoramos o excelente traballo de escuderías como + Motor, que foi merecendo que esta proba sexa puntuable para o campionato galego. Eles, e nós temos a obriga de prestarlle a nosa colaboración, levan xa unhas semanas poñendo a punto o circuíto para que a proba sexa o máis lucida posible, tanto para quen compite como para os espectadores”.

Sobre a importancia de Carballo no mundo do autocross, o alcalde comentou: “Ultimamente están aparecendo non xa só escuderías locais, senón ata mesmo fabricantes de vehículos para competir”, dos que se poderán ver dous este sábado. “Desde o Concello –rematou- só nos queda desexar que o circuíto de Bértoa sexa un bo reclamo e por iso facemos un chamamento para que toda a xente afeccionada ao motor vaia ao circuíto e que desfrute, porque seguro que verá carreiras de moitísimo nivel”.

Descargas

Compartir: