Inicio Áreas Cultura Novas Ángel Atanasio Rincón, de...

A ENTREGA DE PREMIOS SERÁ O 3 DE MAIO

Ángel Atanasio Rincón, de Alcázar de San Juan, gañador do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís na súa 20ª edición

O xurado decidiu galardoar tamén as obras presentadas por Martiño Martínez Porto (2º premio), Juan Rodríguez Pazos (Premio Especial Carballo) e Antonio Gutiérrez Pereira (accésit)

Mércores 25 de abril do 2018

Ángel Atanasio Rincón (Foto: DICEN)

Ángel Atanasio Rincón (Foto: DICEN)

Un fotógrafo de Ciudad Real e tres galegos ilustrarán a historia da 20ª edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Logo das oportunas deliberacións, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio, dotado con 1.500 euros e diploma, á fotografía titulada Introspección 3, de Ángel Atanasio Rincón. Aínda que é enfermeiro de profesión, o gañador do certame, veciño da localidade de Alcázar de San Juan (Ciudad Real), iniciouse no mundo da fotografía xa na adolescencia e ten participado en centos de exposicións e gañado numerosos concursos. A imaxe coa que acada o premio pertence a un proxecto que define coma “íntimo” e “persoal”.

O segundo premio, dotado con 750 euros e diploma, e patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz, será para o galego Martiño Martínez Porto polo seu traballo Azul. Tamén son galegos os outros dous galardoados: Juan Rodríguez Pazos, por Acuarela de Razo, que recibirá o Premio Especial Carballo (500 euros e diploma), e Antonio Gutiérrez Pereira, premiado cun accésit de 300 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo, pola fotografía Dobrar o tempo.

O xurado estivo composto por Marcos Trigo Facal (concelleiro de Cultura, como presidente), Ángel Cordero Gómez (fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Xulio Correa Corredoira (fotógrafo profesional e profesor da Escola de Imaxe e Son de Vigo), Xoán Piñón (fotógrafo profesional), María Carmen Montero García (documentalista e conservadora da Fundación Luís Seoane e comisaria de exposicións), Rosalía Fernández Rial (en representación da Asociación Cultural Lumieira, presidenta da asociación) e Mª del Carmen Castro Pombo (xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado).

O acto de entrega de premios e inauguración da exposición está previsto para o xoves 3 de maio ás 20.00 h no 3º andar do Pazo da Cultura. Na mostra poderán verse as obras gañadoras e unha selección realizada polo xurado entre as 236 obras presentadas por un total de 103 participantes.

Compartir: