PRIMAVERA ENDANZA
"Vuelos", un espectáculo para toda a familia cunha das mellores compañías españolas de danza
A cita con Aracaraladanza é o domingo 15 de abril, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura
Venres 13 de abril do 2018
Vuelos é un espectáculo de danza contemporánea para público infantil e familiar que pretende alentar o goce de todos os sentidos, converténdoos tamén en ferramenta subversiva que contribúa a cambiar o mundo. Inspirado no xenio creativo de Leonardo Da Vinci, a compañía Aracaladanza aposta pola reconstrución dun mundo no que o simple acto de pensar é subversivo e revolucionario. Todo en “Vuelos” é dunha delicada elegancia: a coreografía dos bailaríns xoga coa luminotecnia, os elementos audiovisuais ou os obxectos, que invitan a rescatar o soño de voar e transmiten unha mensaxe de optimismo e empuxe emocional. En Vuelos veremos proxeccións, sofisticados efectos de luz, elementos de atrezzo referenciais moi ben xogados en escena; e danza, moita danza. Unha pequena delicia que lle gustará tanto aos nenos e as nenas como aos seus pais e nais.
Fantasía, imaxinación e maxia son os ingredientes esenciais de Aracaladanza, compañía de danza contemporánea madrileña cuxo traballo rigoroso foi recoñecido co Premio Nacional de Teatro para la Infancia y la Juventud 2010. O traballo pioneiro realizado en España pola compañía dirixida por Enrique Cabrera converteuse en referente europeo de calidade. As súas producións recibiron galardóns tan importantes como o Villa de Madrid, os Premios Max ou os FETEN.
FICHA ARTÍSTICA
- Idea e dirección: Enrique Cabrera
- Intérpretes: Carolina Arija, Jimena Trueba, Jonatan de Luís, Jorge Brea e Raquel de la Plaza
- Coreografía: Aracaladanza
- Asistentes coreográficas: Jimena Trueba e Raquel de la Plaza
- Deseño iluminación: Pedro Yagüe
- Composición musical orixinal: Luís Miguel Cobo
- Deseño de escenografía e vestiario: Elisa Sanz
- Deseño de vídeo escena: Álvaro Luna
- Deseño de atrezo e maquinarias: Ricardo Vergne e Elisa Sanz
- Duración: 50 minutos
- Público: desde 4 anos
- Entrada: 5€ / 3,5€