Inicio Áreas Deporte Novas Carballo recibe na I Challenge Junior a...

A 1ª PROBA DA COPA GALICIA REUNIRÁ A MÁIS DE 80 DEPORTISTAS

Carballo recibe na I Challenge Junior a unha xeración chamada a entrar na historia do ciclismo galego

O Club Ciclista Carballo recupera o percorrido da primeira proba que organizou, no ano 1989, para seguir facendo historia no seu 30º aniversario

Mércores 11 de abril do 2018

Marcos Trigo, Guillermo Sande, Juan Seoane e Xosé Regueira, na presentación

Marcos Trigo, Guillermo Sande, Juan Seoane e Xosé Regueira, na presentación

Carballo acolle esta fin de semana a I Challenge Junior, unha proba organizada polo Club Ciclista Carballo, coa colaboración do Concello e da Federación Galega, que reunirá no noso concello a ciclistas “que dentro duns anos poderemos ver na Volta, no Giro ou no Tour”. As palabras e o presaxio son de Guillermo Sande, técnico da Federación Galega de Ciclismo e seleccionador galego, que participou hoxe na presentación do evento xunto co vicepresidente e director deportivo do Club Ciclista Carballo, Juan Seoane, e os concelleiros de Promoción Económica e Deporte, Xosé Regueira e Marcos Trigo.

Este último foi o primeiro en tomar a palabra para agradecer ao Club Ciclista o traballo que vén realizando pola promoción do deporte e á Federación, a elección de Carballo para acoller a primeira proba da Copa Galicia 2018.

A I Challenge Junior Carballo reunirá a máis de 80 corredores/as de 13 equipos, catro deles de fóra de Galicia (dous cántabros, un leonés e un toledano)

Juan Seoane, que tamén tivo palabras de agradecemento para o Concello, “pola aposta pola challenge e o ciclismo, e por facilitar tanto as cousas”, e para a Federación, explicou o desenvolvemento da competición. “Unha challenge –apuntou é unha volta con probas independentes”. Neste caso serán 3, cada unha delas co seu gañador ou gañadora e co seu podio. A primeira, Razo-Monte Neme, sairá o sábado ás 11.00 horas. Ese mesmo día, ás 16.30, arrancará Razo-Razo, unha carreira de 60 quilómetros polo mesmo percorrido da primeira proba que organizou o Club Ciclista Carballo no ano 1989, e que dalgún xeito rende homenaxe aos fundadores da entidade neste ano do seu 30º aniversario. A terceira proba será o domingo, co percorrido habitual de 89,5 quilómetros polos concellos de Coristanco e Carballo, e que ademais da primeira proba da Copa Galicia, da que, polo tanto, sairá o primeiro líder, será unha boa oportunidade para o seleccionador galego.

A I Challenge Junior Carballo reunirá a máis de 80 corredores/as de 13 equipos, catro deles de fóra de Galicia (dous cántabros, un leonés e un toledano).

O deporte é economía

“Carballo –sinalou Guillermo Sande- é un dos concellos galegos que máis se implica co ciclismo”. Pero tamén destacou o traballo do Club Ciclista, por “meterse en boas guerras” nun momento no que hai moitos problemas, dixo, para organizar probas en estrada. O representante da Federación quixo, neste sentido, destacar “moi especialmente” a colaboración da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, que, xunto con Protección Civil e o voluntariado da propia organización, formarán parte durante estes dous días dun equipo de máis de 100 persoas traballando para que todo saia ben.

Xunto co deporte, a I Challenge Junior resume tamén a filosofía da área de Turismo. O seu responsable, Xosé Regueira, apuntou que “sempre tivemos claro que as entidades deportivas son un dos mellores soportes para a marca turística Carballo”, non só porque, como no caso do Club Ciclista, “levan o nome de Carballo por onde van e lévano con moito orgullo”, senón tamén porque organizan eventos que atraen a moita xente ao noso concello e iso xera “economía”. O concelleiro de Promoción Económica considera que sería moi interesante, tanto desde a Administración como desde o sector privado, analizar “o retorno do deporte nas economías locais”, porque é moi importante, dixo.

Ligazóns

Descargas

Compartir: