Inicio Áreas Cultura Novas O Interplay pon o foco sobre OT, o...

AKIRA VALERO PRESENTARÁ A GALA DE CLAUSURA DO FESTIVAL

O Interplay pon o foco sobre OT, o xornalismo millennial e as mulleres tecnolóxicas na súa última xornada

Carolina Iglesias e Belena Gaynor relatarán a súa experiencia como parte do equipo responsable do éxito nas redes sociais de OT 2017

Venres 6 de abril do 2018

O alumnado dos institutos da zona encheu hoxe o auditorio do Pazo da Cultura

O alumnado dos institutos da zona encheu hoxe o auditorio do Pazo da Cultura

A quinta edición do Carballo Interplay péchase mañá sábado con varios dos pratos fortes do seu programa. O exemplo máis claro é quizais a aproximación ao fenómeno de masas dos últimos meses: Operación Triunfo 2017. O éxito do talent show no seu retorno á televisión sería incomprensible de non ser polo acertado da súa estratexia mediática, convertendo o programa nun formato transmedia e incorporando ao equipo a novas voces do internet millennial como Belena Gaynor Carolina Iglesias (Percebes y Grelos), que relatarán no Interplay o seu paso de fans absolutas a traballadoras de OT.

público millennial será tamén o centro dun debate entre Iago Fernández (de Tentaciones), Noa Cid (de VICE España), Beatriz Cepeda (de Yasss) e Josune Imízcoz e Guillermo Carreras-Candi (de PlayGround). Os medios dixitais evolucionan adaptándose a novas linguaxes, novos temas e novas maneiras de contar a actualidade para unha audiencia totalmente incorporada ao consumo dixital. As persoas ao cargo de estas webs de referencia no xornalismo dixital actual abordarán as novas prácticas audiovisuais e transmedia.

Non son os únicos contidos destacados do sábado, xa que polo festival tamén pasará Carlangas (de Novedades Carminha) para desmontar o mito do turismo no seu Código Fonte Audiovisual, ou Abi Power para guiar unha conversa sobre a idea da desaparición dos canons de beleza con Teresa Segura, Perra de Satán e Belena Gaynor. Pechará o festival a sempre esperada gala de clausura, titulada este ano Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible? A actriz Akira Valero utilizará o cabaret, o cuplé ou o falso documental para percorrer a vida dalgunhas das mulleres que o festival homenaxea este ano pola súa labor no campo da tecnoloxía ou o audiovisual. Sen esquecerse, por suposto, de revelar o palmarés desta edición, da que aínda poderán verse as últimas proxeccións da Sección Oficial pola tarde. Ao remate da gala, o American Dreams acollerá a festa final do Interplay coa actuación de IGMIG e a pinchada de Percebes y Grelos DJ.

PROGRAMA COMPLETO PARA O SÁBADO 7

Pazo de Cultura
10h00. Conversa. Tendencias, multimedia e xornalismo para millennials. Conversa con Iago Fernández (Tentaciones), Guillermo Carreras-Candi & Josune Imizcoz (Playground) e Beatriz Cepeda (Yasss).
10h00. Obradoiro. Biotecnoloxía para crianzas. Con Vermislab. A partir de 6 anos.
11h30. Encontro. Como petamos as redes con Operación Triunfo. Con Percebes y Grelos e Belena Gaynor.
13h00. Código Fonte Audiovisual. Antes todo isto era mambo. Con Carlangas, de Novedades Carminha.
16h00. Proxección. Webseries Sección Oficial. Internacional 3
17h30. Proxección. Webseries Sección Oficial. Estatal 3
19h00. Conversa. Tertulia con Abi Power: Se a beleza non existise. Con Abi Power, Teresa Segura, Perra de Satán e Belena Gaynor
21h00. Gala de clausura. Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible? Con Akira Valero.

American Dreams
00h00. Festa de clausura. Con IGMIG + DJ Percebes y Grelos.

Compartir: