Inicio Áreas Cultura Novas O Carballo Interplay congrega ao sector...

O Carballo Interplay congrega ao sector dos contidos dixitais no seu Día Pro

Produtoras, plataformas e medios de comunicación como Flooxer, PlayZ ou CRTVG reuniranse mañá xoves con creadores e creadoras de contidos dixitais

Mércores 4 de abril do 2018

Nesta quinta edición, o Carballo Interplay fai unha forte aposta por consolidar o seu rol de punto de encontro para o sector dos contidos dixitais. Para iso, mañá xoves organiza o seu primeiro Día Pro, destinado a reunir profesionais do ámbito creativo con medios de comunicación, produtoras e plataformas para facilitar o seu posible contacto e colaboración. As cifras amosan xa o éxito da convocatoria: máis de cen persoas están acreditadas, entre elas representantes de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, VICE España ou Globomedia. Varias destas persoas tomarán parte en dous debates pola mañá, un sobre a conexión entre a televisión e os contidos nativos de internet e outro sobre a produción audiovisual para novos medios. Ambos os dous serán retransmitidos en streaming a través da páxina de Facebook do Interplay. Á tarde está planificado un networking con encontros entre as persoas participantes.

O outro elemento destacado do programa do xoves, no que se inician tamén as proxeccións da sección oficial, é a estrea á noite de Hai vida en Bran?, a serie escrita, dirixida e protagonizada por Ángela Andrada que gañou no IV Carballo Interplay o Premio a proxecto de webserie en galego. Neste retrato da Xeración Xabarín cóntase a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que, despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo da banda deseñada, volve á casa da súa nai na pequena e aburrida vila de Bran, onde combatirá o tedio cun novo cómic que desbordará a súa imaxinación. 

Antes, as catro propostas finalistas para esta edición do Premio -Sígueme, Áureas, unha historia dos anos 20, Premios Darwin e Cativos na cociña- defenderán os seus proxectos nun pitching público, diante dun xurado formado por Alberto Fernández Torres (subdirector de contidos e transmedia de RTVE Digital), Maya Nieto Maidagán (directora dixital en Globomedia), José Pereira (director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG), Xose Regueira (concelleiro de Promoción Económica de Carballo) e Sonia Méndez (directora do Carballo Interplay). O gañador recibirá 1.500 euros para a realización dos tres primeiros episodios da serie, que se estreará no VI Carballo Interplay. Trátase de catro proxectos con distintos xéneros e enfoques, que implican dende profesionais con traxectorias relevantes a estudantes de audiovisual que se lanzan a producir. 

PROGRAMA COMPLETO DO XOVES 5

Pazo de Cultura
10h30. Conversa Zona Pro. A televisión e os contidos nativos de internet: experiencias e novas plataformas. Con Alberto Fernández Torres e Agustín Alonso G. (PlayZ), Emilio Sánchez Zaballos (Flooxer), Clara Gavilán e Jesús Gómez Carbón (MTMAD) e José Pereira Fariña (CRTVG) | Streaming
12h00. Conversa Zona Pro. En busca do talento dixital. Produción de contidos audiovisuais para novos medios. Con Noa Cid (VICE España), Maya Nieto Maidagán (Globomedia), Bastian Manintveld (2btube) e Rodrigo Espinel (Hitsbook) | Streaming
16h00. Proxección. Webseries Sección Oficial. Internacional 1
17h00. Zona PRO. Networking
17h30. Proxección. Webseries Sección Oficial. Estatal 1
19h30. Pitching. En galego, en construción. Presentación de Sígueme, Áureas, unha historia dos anos 20, Premios Darwin e Cativos na cociña, proxectos de webserie en galego finalistas do premio a produción do Carballo Interplay.
21h00. Estrea. Hai Vida en Bran?

Compartir: