Inicio Áreas Cultura Novas O Carballo Interplay abre a súa...

O Carballo Interplay abre a súa quinta edición coa estrea da webserie "Kamikaze"

O Raz Surf Camp acolle dende o luns o Campamento Kamikaze, no que as persoas participantes idean, gravan e posproducen unha serie web en tres xornadas

Martes 3 de abril do 2018

Participantes no Campamento Kamikaze, que se desenvolve en Razo

Participantes no Campamento Kamikaze, que se desenvolve en Razo

A quinta edición do Carballo Interplay deu comezo onte luns coa primeira xornada do Campamento Kamikaze, unha idea insólita mesmo dentro da variedade e imaxinación habituais nas actividades do Interplay. Durante tres días, as 24 persoas participantes conviven na contorna da praia de Razo enfrontándose ao reto de idear, gravar e posproducir unha serie web en só tres días. Mañá mércores, o Pazo de Cultura de Carballo acollerá a estrea da webserie Kamikaze ás 20:30, despois do acto de apertura do festival, no que intervirá a directora do Interplay, Sonia Méndez.

O campamento reúne a talentos novos e consagrados das series dixitais

O campamento reúne a talentos novos e consagrados das series dixitais

O equipo de monitores a cargo de guiar o Campamento Kamikaze supón un auténtico quen é quen do mundo das series dixitais e os novos talentos do audiovisual en todos os seus ámbitos, dende a produción á realización, ou dende o guion á dirección de fotografía.

Por unha banda están presentes Teresa Segura e David Sainz, responsables da xa clásica Malviviendo e de quen poderemos ver as novas webseries Mambo e Buster durante o festival. Tamén Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, que gañaron o Premio do Interplay á mellor webserie en galego con Fame no 2015 e agora veñen de realizar A estación violenta, adaptación da novela homónima de Manuel Jabois. Para o ámbito da luz o Campamento conta con Lucía Catoira, que se converteu o pasado marzo na primeira muller en gañar un Mestre Mateo á mellor dirección de fotografía polo seu traballo en Dhogs. Completan o elenco tres caras ben coñecidas en Carballo: os guionistas Enrique Lojo (Serramoura, Casa Manola, Mambo), Jorge Boquete e Oscar Cruz, estes últimos membros do colectivo Porco Bravú e autores de Peter Brandon, primeiro Premio a proxecto do Interplay e recente Mestre Mateo á mellor webserie.

PROGRAMA COMPLETO DO MÉRCORES 4

Razo
Obradoiro. Campamento Kamikaze

Pazo de Cultura
20.00h. Apertura.
20.30h. Estrea da webserie Kamikaze 

Compartir: