Inicio Áreas Cultura Novas Ibuprofeno Teatro pecha a...

Ibuprofeno Teatro pecha a programación de escena dos Venres Culturais coa última montaxe da súa triloxía gastronómica

“Casa O’Rei” é a proposta da que poderás gozar mañá venres, a partir das 21.00 horas, no Pazo da Cultura

Xoves 22 de marzo do 2018

Despois da súa estrea, o pasado 2 de marzo, no Auditorio Municipal de Vigo, mañá chega a Carballo Casa O’Rei, a última montaxe de Ibuprofeno Teatro, que volve ao Pazo da Cultura para pechar a programación teatral do Venres Culturais. A do auditorio carballés será a cuarta das once paradas dunha xira que se detivo tamén en Milladoiro e Ourense e que visitará Santiago, Oleiros, Cangas, Pontevedra, Arteixo e Noia antes de rematar o 26 de maio en Vilagarcía.

Con Casa O’Rei, Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette −esta última, un éxito no Pazo a pasada temporada−. O texto, escrito en 2008, propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear, o clásico universal de W. Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega e −outro dos alicientes da obra − con banda sonora de Alonso Caxade.

A compañía

Ibuprofeno teatro é unha compañía formada por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, dous profesionais que −despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas− promove en 2010 o seu propio selo de produción para emprender proxectos teatrais de xeito persoal e independente. Produciron os espectáculos: A illa de Woody Allen, (2010), Pequenos actos pseudorrevolucionarios (2012), Fitness (2013), Vulto (2014) e O Furancho (2015) e a multipremiada Raclette (2016).

Con Casa O’Rei a compañía continúa a busca, iniciada hai anos, dunha linguaxe persoal e recoñecible para falar dos temas claves que afectan ao ser humano contemporáneo, a través de personaxes que buscan a súa identidade individual nun contexto social globalizado e complexo que non conseguen controlar, o que os leva a situacións absurdas e cargadas dun humor acedo e sarcástico.

Sinopse

Manolo Rei prepara un cocido e reúne á familia. A comida sempre é unha escusa para repartir a casa entre as súas tres fillas. Pero a familia sáelle chea de traizón e desprezo, intragable polo amargor. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

Intérpretes: Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Víctor Mosqueira e Xosé M. Esperante. Deseño de escenografía: Pablo Giráldez “Pastor”. Banda sonora: Caxade. Deseño de iluminación: Salvador Del Río. Vestiario: Marián Bañobre. Dirección e autoría: Santiago Cortegoso

TOMA NOTA!

  • Día e hora: venres 23 de marzo, 21.00 horas
  • Duración: 1 h. 30 min.
  • Público: Adulto.
  • Entrada: 5€ / 3,5€.       
  • Organiza: Concellaría de Cultura. Rede Galega de Teatros e Auditorios

Compartir: