Inicio Áreas Cultura Novas O Curruncho Pop arranca esta semana coa...

A CANTANTE DE ARZÚA PRESENTA O DÍA 14 O SEU NOVO DISCO, “CASANDRA”

O Curruncho Pop arranca esta semana coa forza interpretativa de MJ Pérez, Alasdair Roberts e Larkhill

Os carballeses de Larkhill acompañarán ao músico escocés nunha tarde-noite de sábado con sabor a folk

Luns 12 de marzo do 2018

Xa está aquí o Curruncho Pop máis internacional! Arrancamos esta semana cunha proposta tripla que nos trae toda a forza interpretativa de MJ Pérez, Alasdair Roberts e Larkhill.

Recuperada xa da gripe que lle impediu actuar a semana pasada, MJ Pérez segue sendo a primeira da lista do Curruncho Pop 2018. Natural de Arzúa, toca a guitarra desde moi nova e descubre un xeito diferente de expresarse creando as súas propias cancións. No ano 2013 publicou o seu primeiro traballo, Ollos que non ven, síntoma de cegueira, e este mércores 14 presentará en Carballo o último, Casandra, un disco que marca un antes de un despois desta cantautora, xa que, sen deixar de lado a súa esencia, a artista explora novos camiños e estilos no eido musical.

MJ Pérez, unha das voces emerxentes da música galega actual, estará na Biblioteca Rego da Balsa ás 19.30 horas para presentarnos Casandra e para interpretar as súas cancións acompañada pola súa banda.

Os/as seguidores/as do Curruncho Pop terán o sábado unha nova oportunidade de gozar da música de bandas alternativas de dentro e fóra do noso concello.

Dos de dentro contaremos con Larkhill, o grupo carballés formado por Pablo Moreira (guitarra), Daniel López (baixo), Gonzalo Fernández (guitarra) e Alita (acordeón), que interpreta un folk escuro e moi persoal. Teñen publicado en bandcamp o EP Earth Communitas, e están a piques de sacar o seu primeiro longa duración.

E desde fóra chegará o músico escocés Alasdair Roberts, toda unha lenda do folk. Lanzou varios álbums baixo o nome Appendix Out e, desde 2001, baixo o seu propio nome. Tamén é coñecido polas súas frecuentes colaboracións con outros músicos como Will Oldham, Jason Molina, Gerard Love ou Isobel Campbell, e tamén por ser membro do grupo folk The Furrow Collective.

A entrada a todos os concertos será de balde, pero, debido ás limitacións do aforo, será preciso reservar con anterioridade a través do teléfono 981 758 580. Só se reservarán un máximo de catro pases por persoa.

Compartir: