Inicio Áreas Deporte Novas A agrupación Media Ducia e o...

A CITA, O 17 DE FEBREIRO NA PISCINA CARBALLO CALERO

A agrupación Media Ducia e o Concello repiten a proba de natación 100x100 a beneficio da Cruz Vermella

Tanto os/as deportistas participantes como o público poderán colaboran achegando produtos de hixiene infantil

Xoves 25 de xaneiro do 2018

“Carballo é un concello solidario, con entidades moi comprometidas, e ese compromiso esténdese moitas veces ao deporte”, apuntou Evencio Ferrero na presentación da proba de natación de relevos 100x100, unha actividade que reflicte á perfección esa solidariedade e ese compromiso do tecido asociativo carballés, representado nesta ocasión pola Cruz Vermella e pola Agrupación Deportiva Media Ducia.

Por segundo ano, o equipo de triatlón de Media Ducia, co apoio do Concello de Carballo, pon mans á obra para poñer en marcha unha proba de natación dentro dunha xornada de sensibilización social e de promoción do deporte non competitivo. A iniciativa partiu do deportista Pablo Vázquez, que hoxe explicou o desenvolvemento da actividade. Nesta ocasión participarán seis equipos compostos por catro membros, cada un dos cales terá que nadar 2.500 metros.

A cita será o 17 de febreiro na piscina Carballo Calero, e o obxectivo é que tanto os/as participantes coma o público acheguen produtos de hixiene infantil. A Cruz Vermella precisa, sobre todo, cueiros, toalliñas, aceites e cremas hidratantes ou calquera outro produto de hixiene para bebés. “A Cruz Vermella axuda a moita xente, cada vez a máis”, apuntou a presidenta da entidade, Matilde Anido.

Evencio Ferrero e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, louvaron a iniciativa e salientaron que Carballo non só é deporte, senón tamén solidariedade. “Temos que poñer en valor que sociedade somos todos, e que todos necesitamos de todos”, rematou o alcalde.

Compartir: