Inicio Áreas Cultura Novas Unha media de 85 persoas asistiron...

Unha media de 85 persoas asistiron ás tres primeiras proxeccións do ciclo de cine euroárabe “Amal en Ruta”

Despois dos tres interesantes documentais da primeira semana, a partir deste xoves será a quenda da ficción con outras tres películas

Luns 22 de xaneiro do 2018

Antes de cada proxección membros da Fundación Araguaney realizan unha breve introducción á película

Antes de cada proxección membros da Fundación Araguaney realizan unha breve introducción á película

O festival de cine euroárabe Amal en Ruta está a recibir unha gran acollida por parte do público, que non só asistiu en gran número ás tres primeiras proxeccións senón que rematou con aplausos cada unha delas. Tanto no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa como no salón de actos do Pazo da Cultura tivemos unha media de 85 espectadores/as diarios/as, que ademais de encher os dous espazos converteron cada pase nun encontro interxeracional. Tanto o Concello de Carballo como a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, que colaboran na organización do festival, expresaron a súa satisfacción pola excelente resposta do público.

Amal en Ruta é un resumo da Semana de Cinema Euroárabe Amal, que se vén celebrando desde hai 15 anos en Santiago. Na primeira semana puidemos ver tres interesantes documentais: Gaza Surf Club, que congregou a un bo número de afeccionados a ese deporte no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa; Cairo Jazzman, que, entre outros aspectos, amosounos a extraordinaria riqueza musical dos países árabes, e Cartas desde Baghdad, que narra a historia dunha das mulleres máis influentes no Imperio Británico e o papel que xogou en Irak.

A terceira proxección realizouse tamén no Pazo da Cultura

A terceira proxección realizouse tamén no Pazo da Cultura

Esta semana poderemos ver outras tres películas, neste caso de ficción, que completan este percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Comezaremos o xoves 25, de novo na Biblioteca Rego da Balsa, con Wajib, unha coprodución entre varios países que narra o reencontro entre un profesor de Nazaret e o seu fillo a raíz da voda a súa filla e irmá. O venres regresaremos ao Pazo da Cultura para a o proxección de Eshtebak-Clash, unha cinta ambientada no Cairo no verán do 2013, dous anos despois da revolución exipcia. Trátase dun thriller que particiipu na sección Un Certain Regard do  Festival de Cannes 2016 e recibiu os premios a mellor novo director e mellor fotografía en 2016 no Festival de Valladolid – Seminci. Amal en Ruta rematará o sábado 27, tamén no Pazo, con Alí, la cabra e Ibrahim, a primeira longametraxe do director emerxente exipcio Sherif El Bendary en 2016, que nos relata unha historia de amizade.

Todos os pases comezarán ás 20.30 horas. A entrada é libre e de balde.

Compartir: