Inicio Áreas Deporte Novas Deporte e medio ambiente...

O PRAZO DE INSCRICIÓN REMATA O DÍA 29

Deporte e medio ambiente mestúranse no Carballo Trail Race, a primeira carreira de monte que se celebra na contorna

O Concello de Carballo conta coa colaboración da Agrupación Deportiva Media Ducia, Protección Civil e a Federación Galega de Atletismo nesta novidosa iniciativa

Xoves 18 de xaneiro do 2018

O Concello organiza para o domingo 4 de febreiro o Carballo Trail Race 2018, carreira de monte oficial da Federación Galega de Atletismo, a primeira deste tipo que se disputa no noso municipio e na Costa da Morte. Con Carballo Deporte colaboran a propia FGA, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo e a Agrupación Deportiva Media Ducia.  A inscrición (na web www.carreirasgalegas.com) estará aberta ata o 29 de xaneiro. Hoxe eran xa 170 os/as anotados/as, dun máximo de 300 establecido pola organización.

Tres son as distancias en competición: o percorrido curto, de 10 quilómetros (con 500 metros de desnivel positivo), sairá da praia de Razo e finalizará na parroquia de Cances, no campo de fútbol de O Vinculeiro; o percorrido longo, de 30 quilómetros (con 900 metros de desnivel positivo), tamén sairá de Razo e pasará por Santa Mariña, cumio de Monte Neme, Cances, Liñeiro e ribeira do Anllóns para chegar á meta da zona escolar carballesa da Vila de Noia: e o percorrido de relevos, o mesmo que o longo, no que primeiro atleta correrá 10 quilómetros (+ 500 metros) e o segundo, 20 quilómetros (+ 400 metros). A organización habilitará tamén catro puntos de avituallamento e instalará duchas para todos os participantes na zona das dúas metas. Entregaranse trofeos ao 1º, 2º, 3º clasificados masculino e feminino de cada unha das categorías (compartido, no caso de parellas), ademais de un trofeo aos primeiros carballés e carballesa en chegar á meta.

Presentación da proba

A proba presentouse hoxe na casa do concello, nunha rolda de prensa na que estiveron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o técnico municipal de deportes, Manolo Varela Bardanca; e Martina Tasende e Techo Vales, da AD Media Ducia.

Manolo Varela, Marcos Trigo e Evencio Ferrero

Manolo Varela, Marcos Trigo e Evencio Ferrero

“Facemos uha actividade deportiva directamente relacionada co medio ambiente”, asegurou Varela Bardanca, “pero tamén establecemos un paso máis na colaboración coas entidades deportivas do concello; neste caso, coa AD Media Ducia, a única no municipio que participa asiduamente neste tipo de probas e que ademais ten capacidade organizativa e experiencia para axudarnos a organizar a carreira”. “O obxectivo que tiñamos desde o Concello, e case está cumprido –engadiu- era acadar os 200 participantes, pero por riba diso buscabamos que participase na proba canta máis xente de Carballo mellor, por iso deseñamos o percorrido curto de 10 quilómetros, para que non viñese só xente de fóra, senón que correse a xente do municipio”.

Martina Tasende animou ás mulleres á participar na proba. “No percorrido curto somos, ata o de agora, un 40 por cento de inscritas, e eu animo a todas as rapazas a vir a polos montes”.

Techo Vales explicou polo miúdo as características da proba: “O que intentamos no deseño do trazado foi aproveitar os recursos naturais que temos; desde o areal de Razo, os camiños da Senda dos Pinos do Mar, a contorna de Monte Neme e a beira do río Anllóns. En canto a desnivel, dificultade non ten moita; eu destacaría máis a beleza do percorrido. Para habilitalo recuperamos camiños que levaban, algúns deles, máis dunha década sen uso, sen que ninguén pasase por eles, e sinalizarémolos respectando sempre o medio ambiente”.

Martina Tasende e Techo Vales

Martina Tasende e Techo Vales

“Para nós”, afirmou Trigo, “o trail ten o interese de unir nunha proba deportiva a zona costeira e o casco urbano de Carballo; ata o de agora non había ningunha proba que o fixera así”. “Tamén ten un valor engadido moi importante, que xa citou antes Bardanca, que é a nosa colaboración co tecido asociativo do concello”.

O alcalde tivo palabras de recoñecemento para a AD Media Ducia: “É unha entidade que asume retos e novos obxectivos e que sempre buscan implicar á xente para que faga non só deporte, senón tamén grupo , equipos, amigos, compañeirismo, todas esas cousas que tamén son deporte”. “E o que ten que facer o Concello é por os medios á súa disposición e a disposición de todas as entidades deportivas de Carballo”. “Esta proba, xa o dixo Marcos, engarza moi ben o conxunto do noso territorio: a costa, o monte, as parroquias, o núcleo urbano, o río Anllóns, que é o que nos articula, e Monte Neme, que é un sitio mítico para nós”.

Ligazóns



Galería

Compartir: