Inicio Áreas Deporte Novas As entidades deportivas teñen de...

As entidades deportivas teñen de prazo ata o 31 de xaneiro para xustificar as subvencións do 2017

Mércores 3 de xaneiro do 2018

O 31 de xaneiro rematará o prazo para xustificar as subvencións en materia de deporte concedidas polo Concello de Carballo no ano 2017. As entidades poden descargar ao final desta nova o modelo de impreso que deben presentar debidamente cumprimentado.

Segundo figura nas bases da convocatoria, xunto co impreso debe presentarse a seguinte documentación:

  • Memoria que acredite a realización da actividade e o grao de cumprimento dos obxectivos, con indicación das actividades ou investimentos realizados, das persoas beneficiarias, dos resultados obtidos, e as desviacións acaecidas.
  • Relación clasificada de gastos realizados, asinada polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente, e con identificación dos acredores (nome da entidade ou nome e apelidos e CIF ou NIF), dos conceptos de gasto e dos tipos de documentos (nº de factura ou documento equivalente, importe, data completa de emisión). Para os gastos de persoal indicarase para cada traballador/a e mes: a data, o importe bruto da nómina e o importe da seguridade social con cargo á entidade, así como a porcentaxe da xornada laboral de cada traballador/a que se lle imputeá actividade que se está a xustificar. De conformidade co art. 29.7.d da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no caso de que na declaración de gastos figuren acredores, tanto persoas físicas como xurídicas vinculadas coa entidade beneficiaria estes deberán corresponderse cos indicados na solicitude de subvención das presentes bases. Así mesmo os ditos gastos deberán axustarse aos prezos de mercado.
  • Documentos orixinais acreditativos dos gastos realizados (facturas,etc.) debidamente cumprimentados ou fotocopias compulsadas, en cuxo caso antes de facer a fotocopia deberá extenderse no orixinal do documento dilixencia de que foi utilizada como xustificante do gasto para a subvención percibida. Nos documentos acreditativos deixarase constancia de que foron utilizados como xustificante da subvención percibida, especificando a súa utilización para a xustificación da subvención da convocatoria correspondente. Unicamente se admitirán xustificantes correspondentes a proxectos de actividades realizados entre o 1 de xaneiro de2017 e o 31 de decembro de 2017, e as facturas estarán pagadas antes do remate do prazo de xustificación.
  • No caso de que existan gastos de persoal presentarase: Nóminas, boletíns de cotización á seguridade social (TC/1 e TC/2) ou os que os substitúan regulamentariamente e documentos de ingreso na Axencia Tributaria das retencións practicadas en concepto de IRPF.
  • Relación detallada de todos os ingresos de natureza pública ou privada obtidos, das subvencións doutras Administracións Públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto, con indicación do seu importe e procedencia, así como dos ingresos que xere a propia actividade subvencionada, ou, pola contra, declaración de non ter outras subvencións públicas ou privadas para o mesmo obxecto. No caso de concorrencia de subvencións públicas que se atopen xustificadas, poderá achegarse certificación da Administración concedente, na que se detallen os conceptos subvencionados e os importes xustificados e período ao quese refiren os gastos.
  • Declaración do cumprimento da obriga de facer constar a colaboración do Concello de Carballo en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que se faga das actividades subvencionadas así como de utilización da lingua galega nos termos da presente convocatoria.
  • Declaración de non ter pendente de xustificación outra axuda do Concello de Carballo na que xa rematara o prazo para a presentación dos xustificantes
  • No caso de non lle ter dada a autorización correspondente ó Concello de Carballo, certificación acreditativa de estar ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  • Acreditación do pago efectivo de cada un dos gastos, meditante utilización, con carácter xeral, de formas de pago a terceiros que poidan ser acreditadas mediante un documento expedido por unha entidade financeira (transferencia bancaria, tarxeta de crédito, tarxeta de débito, cheque ou talón nominativo, etc) no que quede identificado o beneficiario, o importe e a data de pago e ca conformidade suficientemente acreditada do contratista ou provedor na correspondente factura en caso de pagos en efectivo. Só se utilizará o pago en efectivo por importes ata 300,00 €.

Descargas

Compartir: