Inicio Áreas Deporte Novas Carballo acolle esta fin de semana a...

Carballo acolle esta fin de semana a 5ª proba do Campionato de España de Autocross cun récord de participación

Os mellores pilotos dos circuítos galego e estatal estarán entre os 103 participantes na carreira

Xoves 29 de xuño do 2017

O Circuíto de Bértoa acolle esta fin de semana o IX Autocross Carballo, quinta cita do Campionato de España. O Concello de Carballo, Carballo Deporte e Protección Civil colaboran coa Escudería Coruña na organización dunha proba que conta co apoio da Xunta de Galicia, Deporte Galego e a Deputación da Coruña.

A xornada de mañá venres (entre as 17.45 e as 21.00 horas, no Pazo da Cultura) está reservada para as verificacións técnicas. O sábado (desde as 14.00) os pilotos quentarán os motores cos primeiros adestramentos oficiais e as mangas de clasificación. Xa o domingo (9.00) terá lugar a última manga previa ás finais (desde as 11.23). A entrega de premios está programada para as 15.30.

Finalmente serán 103 os condutores que loiten pola vitoria, cifra que iguala o récord de participación neste circuíto desde que hai nove anos comezase a nova andadura do trazado de Bértoa, e que é tamén amáis alta rexistrada no que vai de Campionato de España 2017.

Como se prevía, a categoría máis numerosa é a de Car-Cross con 43 participantes; entre eles, os campións de España e líderes actuais: o mallorquino Juanjo Moll, o piloto de Carral Antón Muíños, e o catalán Iván Piña, aos que se unen como favoritos o laureado piloto de rallys e de car-cross Iván Ares e o local Maikel Vilariño.

Espectacular preséntase a División I, os superturismos, con 13 participantes e a tradicional disputa que seguro protagonizarán os coruñeses Perfecto Calviño e Tito Rodríguez e o piloto de Talavera de la Reina Víctor Álvarez.
 
En canto aos monoprazas da División III, a loita promete estar moi aberta, se atendemos a como vai de igualada a pelexa entre o vasco David Pascual, o catalán Juanjo Aranda e o mirandés Carlos Hernando,sen esquecer a presenza de Delfín Lahoz, que comparece tras disputar recentemente o Campionato de Europa.

Na carreira de Turismos en Bértoa rexistrarase esta fin de semana a segunda maior participación, con 26 pilotos (os de División II e os da categoría de promoción Off Road Series), entre os que destacan os líderes do nacional e, como xa é habitual en Carballo, os mellores pilotos galegos.

Finalmente, serán 11 los júniors que tomarán a saída, o deixa ben claro a progresión que está a experimentar esta categoría.

Presentación da proba

A proba presentouse esta mañá na Casa do Concello, nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e os comisarios de carreira Ernesto Rumbo e Juan Fernández.“Trala andaina que iniciamos en Bértoa hai nove anos, imos polo camiño de consolidar o Circuíto Municipal de Carballo como un referente para as probas de motor e de autocross en toda Galicia”, dixo Trigo. “O circuíto está xa homologado para acoller probas de categoría nacional e temos referencias, da propia Federación Española, de que Bértoa é unha instalación que demostrou todas as súas posibilidades para que os afeccionados poidan gozar de competicións espectaculares”.

Juan Fernández secundou as palabras de Trigo: “A de Carballo xa se converteu nunha proba que é referente non só no calendario do autocross galego, senón no nacional”. “De feito -engadiu- xa levamostempo situándonos no primeiro, segundo posto das clasificacións que a Federación Española emite cada final de tempada, e iso para nós é un estímulo; e tamén é un estímulo saber que contamos co apoio do Concello de Carballo, que en todo momento amosou a súa disposición a ter unha instalación que, repito, é un referente”. Sobre a alta participación da proba dixo: “Xa non só é máis alta no que vai de campionato nacional, senón a máis alta posible: nos límites das posibilidades razoables do circuíto para garantir a perfecta organización da carreira”.

“A evolución que tivo o circuíto nestes nove anos é impresionante”, afirmou Rumbo, “e iso haillo que agradecer ao Concello de Carballo”. O comisario tivo palabras de agradecemento tamén para a escudería carballesa Máis Motor: “Sempre están aí, botando unha man en todo o que poden”. Para o alcalde, “é motivo de orgullo que a Federación Española mostre cada ano a confianza no noso circuíto; de feito, o propio presidente asistiu á carreira da pasada edición”. “Grazas ao apoio da Escudería Coruña”, engadiu, ‘fomos capaces de mellorar cada ano o circuíto, non só para probas puntuais, senón para carreiras de xeito continuado, tanto do calendario galego como do nacional. Carballo foi subindo no escalafón e agora é proba referencia no campionato, sen dúbida ningunha”.

Ligazóns

Compartir: