Inicio Áreas Deporte Novas O Torneo 3x3 Carballo reunirá...

O Torneo 3x3 Carballo reunirá esta fin de semana a 200 xogadores e xogadoras de 40 equipos de hóckey a patíns

Representantes do Concello e de Escola Lubiáns presentaron a competición, que é pioneira en Galicia

Mércores 28 de xuño do 2017

200 xogadores e 40 equipos (das categorías, sub 12, sub 14, sub 17, feminina, absoluta e pro) participan desde este venres ao domingo na segunda edición do Torneo 3x3 Carballo de hóckey a patíns, unha iniciativa da Escola Lubiáns que conta coa colaboración do Concello. O pavillón Carballo Calero volverá a ser o escenario dun moi dinámico formato de competición no que se enfrontan equipos formados por dous xogadores e un porteiro, e que o ano pasado resultou ser un éxito para o club carballés e un atractivo espectáculo para todos os que se achegaron ao polideportivo carballés.

O venres, entre as 19.00 e as 1.00 horas, e o sábado (de 10.00 a 1.00) disputaranse os partidos das ligas de clasificación, e o domingo a competición reservarase (desde as 10.00) para as eliminatorias de cuartos de final, semifinal e finais (estas, entre as 14.50 e as 17.25). A entrega de premios está programada para as 17.45. Como novidade este ano está o concurso de faltas directas en todas as categorías, unha espectacular modalidade moi demandada polos xogadores e equipos participantes, petición que atendeu, de moi boa gana, a Escola Lubiáns. 

Presentación

O torneo presentouse onte na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o coordinador deportivo da Escola Lubiáns, Carlos Loureiro, e o presidente o club, David García.

“Intentaremos repetir o éxito do primeiro ano -dixo Loureiro-que foi valorado moi positivamente por parte de todos”. “A nosa idea –engadiu- é que o torneo teña continuidade, pero para iso o que necesitamos é apoio non só institucional, senón dos pais e nais dos máis cativos do club: que se involucren para que esta iniciativa poida medrar cantas máis edición mellor”.

García agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e das federacións galega e española de patinaxe na organización do evento e salientou a importante participación que vai rexistrar nesta edición: “Este ano –dixo- o número de participantes é bastante elevado, sobre os douscentos xogadores. Aumentamos a presenza das categorías de base, que son as que, en realidade, fan posible o éxito do torneo e que acudan máis espectadores”. “Tamén quero salientar que este é un torneo pioneiro fóra da comunidade autónoma de Cataluña: no resto do estado, o ano pasado foi en Carballo onde se fixo por primeira vez. A nosa intención é que sirva de referente tanto para hóckey carballés como para a propia vila de Carballo. Esperamos así aumentar a masa social e o apoio dos colaboradores, o único xeito de que o club sexa viable”.

O alcalde felicitou a Lubiáns “polo traballo que se está a facer: creo que o esforzo, o voluntariado por parte de todo o club está sendo moi ben recibido”. “Se medran iniciativas coma estas, Lubiáns seguirá converténdose nun referente no hóckey a patíns non só en Carballo, senón en toda a comarca de Bergantiños”.

Participantes por categoría e horarios

Sub 12 -Lechugos -SMM Team -Hoquei Best -Los guays del Lubians -Os furapedras -Ferrol mola -Riazor Blacks Sub 14: -Pi -Magic Team -Hóckey club de hóckey -Os Trasnos Furacans -Rayo Vayacaño -CDO -Tomatitos cherry Sub 17: -Mariachis -Penguin´s Team -Santiago03 -Skillada -Hail Magicpenne -Ene Squad -Os catro -Vodka Junior -Inter de Mitente -Skull Team -Másqueplayers -Misión imposible Feminina -Pingüis -Beberly Tronas -Flash verde -Pailanas -Poker Absoluta -Los solteros -Lajhachimas Lanchampreas -Las amapolas del Terror -Os de sempre -Mazaricos A -Mazaricos B -Noia HC -Chacaritas Team -Pachangueros

Horarios https://3x3carballo.com/calendarios/

Compartir: