Inicio Áreas Deporte Novas O Torneo de Fútbol 7...

O Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo cumpre 13 anos consolidado entre os mellores de España

O AFA Angola será o primeiro participante africano da historia do campionato, que se disputará do 8 ao 11 de xuño nas Eiroas

Venres 26 de maio do 2017

O Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo chega á súa decimo terceira edición consolidado como un dos catro mellores de España. O campionato disputarase do 8 ao 11 de xuño nas instalacións das Eiroas, onde se citarán o AFA Angola, Real Madrid, Real Sociedad, Deportivo, Celta, Sporting, Porto, o anfitrión Escola de Fútbol Luis Calvo e o gañador da previa entre equipos galegos, que se xogará este domingo.

Con este cartel tan atractivo, a Escola de Fútbol Luís Calvo ve un ano máis recompensado o seu meritorio traballo. A entidade deportiva carballesa contou coa colaboración do Concello, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Galicia Saudable, e sobre todo co apoio económico de Conservas Calvo e outros patrocinadores.

O campionato disputarase nas Eiroas, onde se citarán o AFA Angola, Real Madrid, Real Sociedad, Deportivo, Celta, Sporting, Porto, o anfitrión Escola de Fútbol Luis Calvo e o gañador da previa entre equipos galegos, que se xogará este domingo

“Xa desde o ano pasado podemos dicir con orgullo que o noso é un dos catro mellores torneos de España, xunto coa Copa Danone Liga Promises (antiguo Brunete) e co outro galego, Arousa Fútbol 7”, asegurou Jesús Capelán, vicepresidente da Escola de Fútbol Luis Calvo, na roda de prensa de presentación do campionato, na que tamén participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o presidente da Escola Luis Calvo, Luciano Calvo. Capelán salientou “a configuración do torneo, que é única en España, que funciona de marabilla e coa que todo o mundo está contento”. Tamén destacou a recuperación do formato de nove equipos en competición e a presenza do AFA angolano (primeiro equipo africano que participa no torneo). “Faltounos pouquiño para ter este ano en Carballo a un equipo asiático e outro suramericano, e así representación de catro continentes, pero ao final non puido ser”.

“Para nós é unha honra -dixo Luciano Calvo- que equipos como o Barcelona o Madrid e moitos máis, o Bilbao, o Sporting... sexan conscientes do bo trato que se lle deu sempre aquí, pero sobre todo da boa organización que sempre percibiron neste torneo”.

“Este torneo -explicou Marcos Trigo- é froito do traballo e da constancia da xente que traballa na organización, a Escola Luis Calvo Sanz. E isto –engadiu- non é máis que un escaparate de todo o traballo de canteira que fai esta entidade e que eu creo que é a labor máis meritoria, a que máis ten que valorar o Concello de Carballo e a sociedade carballesa”.

Para o alcalde, “o deporte ten que servir para ser referentes, e en Carballo, sen dúbida, o deporte é un referente: hai moi poucas localidades coa dimensión poboacional de Carballo que teñan a calidade deportiva e volume deportivo que ten Carballo. O torneo –engadiu- é motivo de satisfacción para calquera persoa que se sinta carballés e mesmo da Costa da Morte. E o Concello o que ten que facer é corresponder a quen é capaz de poñer en valor todo o deporte carballés, como fan as Escolas Luis Calvo e o Bergantiños”.

Descargas



Galería

Compartir: