Inicio Áreas Deporte Novas O 7º Autocross Carballo...

O 7º Autocross Carballo converterá este sábado o circuíto de Bértoa na gran festa autonómica do motor

O alcalde, o concelleiro de Deporte e o presidente da escudería Máis Motor presentaron os detalles da carreira, que reunirá a 60 pilotos de 15 escuderías

Xoves 18 de maio do 2017

O Circuíto Municipal de Bértoa acolle o sábado o 7° Autocross de Carballo e cuarta cita do Campionato de Galicia da especialidade, proba que organiza a escudería local Máis Motor en colaboración co Concello e Carballo Deporte, ademais da Federación Galega de Automobilismo, Deporte Galego e a Xunta. Participarán na carreira 15 escuderías e 60 condutores das catro categorías en competición: ata 1.600 cc (8 pilotos), máis de 1.600 cc (17), carcross (33) e SCC 4x4 (2). Entre eles estarán os actuais líderes provisionais do galego: Javier Ramilo (carcross), Celestino Iglesias Duarte (- 1.600 e + 1.600) e Perfecto Calviño (SCC 4x4). Para Máis Motor competirán Joaquín Chamorro, Daniel Mariño, Rubén Riveiro, Miguel Iglesias, Alberto Lorenzo, Antonio Lago e Fabián Varela (carcross), e Miguel Pombo, Daniel Castro, Jesús A. Pena (+ 1.600). O campionato volverá a Bértoa o 16 de setembro, cando se corra a oitava e antepenúltima proba do campionato autonómico.

Ás 12.00 horas comezaran os adestramentos, mentres que a primeira das semifinais está programada para as 15.30; ás finais B, desde as 17.15; e as finais, desde as 18.20.

A carreira presentouse hoxe na Casa do Concello nunha rolda de prensa á que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; o presidente de Máis Motor, Juan Puga, e o membro da directiva Diego Iglesias. Nunha intensa fin de semana que podería resumir perfectamente os éxitos do deporte carballés esta tempada (o Balonmán Xiria compite en Lanzarote polo ascenso á División de Honra Prata; o Bergantiños enfróntase ao Badajoz na ida do playoff de promoción a Segunda B; o San Lorenzo comeza tamén a súa pelexa por subir a Primeira Autonómica, e Carballo acolle a segunda etapa da Volta Ciclista á Coruña), Trigo dixo esperar que a cita de autocross conte cunha boa participación, que vén sendo habitual. “Esperemos que se vexan boas carreiras, que saia todo ben e, sobre todo, que a seguridade cumpra sen ningún problema”.

“O circuíto -afirmou Puga- xa está nas condicións óptimas para facer a carreira”. O presidente da escudería carballesa lembrou que este ano a proba, como novidade, terá carácter solidario: Máis Motor colabora para a ocasión con Cruz Vermella, que estará no circuíto recollendo doazóns de alimentos non perecedoiros para as familias con menos recursos da zona. Tamén confirmou a presenza en Bértoa o sábado de pilotos non só galegos: “Teremos un sueco, un madrileño, un cántabro...”.

“No mundo do autocross -dixo o alcalde- Carballo é unha referencia permanente”. Ferrero tamén recordou a recente adaptación no trazado do circuíto “para que se mellore en seguridade e que se incremente a vistosidade, aínda que xa sabemos que o de Bértoa ten unhas condicións de seguridade altísimas”. ‘Para nós –engadiu-, o circuíto municipal sempre foi un lugar de visita obrigada: polas probas do campionato galego, tamén polas probas do campionato de España e tamén polas actividades de funcionamento regular á hora de testar coches, tempos etcétera. Así que só nos queda desexar que o sábado sexa un día de festa para o motor: estamos nas mellores mans posibles, que é a capacidade organizativa que ten Máis Motor”.

Descargas



Galería

Compartir: