Inicio Áreas Deporte Novas Asinados convenios de...

Asinados convenios de colaboración co Bergantiños FC, as Escolas Luis Calvo Sanz e a Escola Basket Xiria para a promoción do deporte

O Concello de Carballo financia diferentes actividades das entidades cun total de 44.000 euros

Martes 16 de maio do 2017

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe convenios de colaboración con outras tantas entidades coa finalidade de apoiar o asociacionismo deportivo como pilar básico para acadar un sistema deportivo participativo, amplo e diversificado. O Concello de Carballo contribuirá deste xeito, cun total de 44.000 euros, ao financiamento de diferentes actividades do Bergantiños FC, as Escolas Luis Calvo Sanz e a Escola Basket Xiria, que estiveron representadas polos seus presidentes, Luciano Calvo Pumpido, Chicha Calvo Pumpido e Marcos Díaz Molk, respectivamente.

A partida máis importante vai destinada ao Bergantiños FC, unha entidade con gran representatividade social, xa que leva desenvolvendo a súa actividade deportiva dende o ano 1923 e conta cun elevado número de socios. Para contribuír a que o club de fútbol poida seguir facendo historia destinaranse 30.000 euros á participación dun total de once equipos, entre eles un feminino e nove das categorías de base, en competicións federadas. Gastos de arbitraxes, de persoal, federativos, de vestimenta ou de desprazamentos poderán ser subvencionados con esta cantidade.

As Escolas Luis Calvo Sanz recibirán unha achega de 8.000 euros para a organización do XIII Torneo de Fútbol 7 alevín Concello de Carballo, e a Escola Basket Xiria recibirá unha subvención de 6.000 euros para o 5º Día do Pequebasket, que se celebra mañá mércores.

Compartir: