Inicio Áreas Deporte Novas A carreira “De dous en dous” foi un...

A carreira “De dous en dous” foi un éxito deportivo e solidario

O triunfo foi para a parella formada por Abdelkader Bouguerroudj e Óscar Fernández Vázquez

Martes 16 de maio do 2017

A choiva caída durante todo o día do sábado deu unha tregua para a disputa da terceira edición da carreira nocturna e solidaria “De dous en dous”, organizada polo club Atletismo Carballo en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, o Concello de Carballo, Carballo Deporte, Carballo a un Paso e a agrupación deportiva Media Ducia. A iniciativa resultou un éxito tanto dende o punto de vista deportivo como dende o solidario.

O triunfo foi para a parella formada por Abdelkader Bouguerroudj e Óscar Fernández Vázquez, que percorreron os cinco quilómetros da proba en 18 minutos e 36 segundos. Por detrás entraron os gañadores do ano pasado, os carballeses José Antonio Señarís e José Río, cun tempo de 18:08. O terceiro posto foi para os tamén carballeses Constante Lorenzo e Andrés Eirís (19:19). Na categoría mixta o triunfo foi para Paula Esteiro e Damián Espasandín (22:18), seguidos de Manuel García e Patricia García (22:21) e Natalia Rivas e Marcial Aníbal Barca (22:42). En canto á categoría feminina, impuxéronse Araceli Veiga e Carmen García, que, malia superar entre as dúas os cen anos de idade, fixeron un crono de 26:03. As segundas foron Lorena Fernández e Ana Branco (26:56) e as terceiras, Fátima Xesto e Beatriz Pazos (27:40). Así mesmo, a mellor parella con máis de cen anos entre ámbolos integrantes foi a formada polos irmáns Santiago e Antonio García Belo (22:05).

En total foron 458 as persoas inscritas, que colaboraron tanto con Cruz Vermella como con Cáritas nesta carreira solidaria. Dende Atletismo Carballo agradecen tamén as achegas dos patrocinadores: Fundación Luís Calvo Sanz, Mercadona, Froiz, Panadería Forno Novo, San Brandán, Alugueres Lantes, Ambulancias Santa Marta e Lidl.

Compartir: