Inicio Áreas Deporte Novas O Carballo Handball Festival...

O Carballo Handball Festival acollerá esta Semana Santa a máis de 600 xogador@s das mellores canteiras de balonmán da península

O torneo internacional organizado polas Escolas Balonmán Xiria e o Concello de Carballo chega á súa terceira edición cun cartel de luxo

Luns 10 de abril do 2017

As mellores canteiras do balonmán galego e outras que son referencia no balonmán español e de Portugal cítanse esta semana na nosa vila para disputar o III Carballo Handball Festival, unha iniciativa das Escolas de Balonmán Xiria que conta co apoio do Concello, Carballo Deporte, Carballo a un paso e Conservas Calvo. Da entidade do evento, que este ano dá un ambicioso salto de calidade, falan os números: 660 participantes entre xogadores/as e adestradores/as, 15 clubs e 57 equipos das diferentes categorías, tanto femininas como masculinas, benxamín, alevín e infantil. Nos pavillóns Vila de Noia, Carballo Calero e o do CEIP Fogar disputaranse centos de partidos entre o 13 e o 15 de abril, en horario continuo desde as 9.30 ás 22.00 horas.

Participantes

Por Galicia: Atlético Novás (O Rosal), Balonmán Rasoeiro (O Grove), Balonmán Lucus (Lugo), Balonmán Xallas (Santa Comba), Luceros (Cangas do Morrazo), Balonmán Cisne (Pontevedra), Balonmán Rodeiro (Lalín), Teucro (Pontevedra) e Escolas Balonmán Xiria.

Por Asturias: Club Balonmano La Calzada (Gijón), Balonmano Ribadesella, Balonmano Oviedo Femenino y Agrupación Balonmano Gijón Jovellanos.

Por Cataluña: Handbol Sant Joan Despí (Barcelona).

E por Portugal: Associação Académica de São Mamede.

Presentación

Marcos Trigo, Fernando Vázquez e Xosé Regueira, durante a presentación

Marcos Trigo, Fernando Vázquez e Xosé Regueira, durante a presentación

O torneo presentouse esta mañá nun acto no que participaron os concelleiros de Deportes, Marcos Trigo, e de Turismo, Xosé Regueira, ademais de Fernando Vázquez, en representación das Escolas Balonmán Xiria.

Vázquez dixo que a celebración  do Handball Festival é para “congratularse, e máis nesta ocasión, pois falamos da edición máis ambiciosa”. “Queremos e debemos seguir medrando, e por iso esta é tamén a edición máis numerosa en canto a xogadores, técnicos, clubs e equipos participantes”. “Outro dos motivos para alegrarse”, engadiu, “é a presencia no festival de tres clubs de balonmán netamente feminino; tres clubs, ademais, moi importantes a nivel nacional, como son o Balonmano Oviedo, o Balonmano La Calzada, que representa á máxima categoría do balonmán español, e o Balonmano Ribadesella”. Sobre a cantidade de equipos que se citan do xoves ao sábado nos pavillóns carballeses, Vázquez deu un dato elocuente: “O xoves, e só na categoría alevín, xogaranse 56 partidos”.

Trigo recoñeceu o orgullo que é para o Concello que un club como Xiria, que centra todos os seus esforzos nas categorías inferiores, vexa como se vai consolidando o festival, “un escaparate onde se van ver as mellores canteiras de Galicia, o resto do estado e Portugal, e onde se vai desfrutar a festa do balonmán”.

Regueira defendeu a aposta de Carballo polo turismo relacionado co deporte. “Cada concello”, dixo, “ten que buscar o seu nicho de dinamización de sector, e dentro dos moitos que busca o Concello de Carballo está o turismo que ten que ver coas actividades deportivas, e, por sorte para nós, na nosa vila son moitas as actividades implicadas no deporte a un nivel moi alto e conseguen que a Carballo veñan habitualmente moitísimas persoas”.

“No caso do Handball Festival xa dou moi bo resultado nas dúas edicións anteriores, e neste, como xa dixo Fernando, ao medrar o torneo medra tamén a expectativa de aloxamento, algo que, por suposto, a nosa concellería sempre, loxicamente, busca”. Sobre os problemas de atopar hospedaxe nestas datas en Carballo, Regueira admitiu: “Cónstannos e sabemos que é moi difícil que as persoas que se desprazan á nosa localidade en Semana Santa encontren aloxamento, pero eu creo que é unha boa noticia para o sector”.

Compartir: