Inicio Áreas Deporte Novas O alcalde e o concelleiro de Deportes...

O alcalde e o concelleiro de Deportes recibiron aos medallistas do Club Sysca no Campionato de España

Os/as deportistas acadaron en Castellón varios podios a nivel individual e por equipos

Xoves 6 de abril do 2017

O adestrador do Sysca, Luis Velo, asinando no Libro de Honra

O adestrador do Sysca, Luis Velo, asinando no Libro de Honra

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero,  e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, recibiron pola mañá aos cinco representantes do Club Sysca no Campionato de España de Salvamento, disputado hai unhas semanas en Castellón, catro mozos e unha moza que regresaron con varias medallas tanto a nivel individual como por equipos, superando con creces os obxectivos marcados. Na recepción oficial tamén participou o seu adestrador, Luis Velo, que asinou xunto aos medallistas no Libro de Honra do Concello, no que todos fixeron constar o seu agradecemento polo recoñecemento e o seu orgullo por representar a Sysca e a Carballo.

Por equipos, o relevo formado por César Varela, Marcos Souto, Jorge Blanco e Iago Abelenda acadou o segundo posto na proba de 4x50 obstáculos na categoría júnior, ademais de bater o récord galego. Jorge Blanco e César Varela foron terceiros tamén en lanzamento de corda. E, aínda que non houbo medalla, no relevo de 4x50 combinado bateron tamén a mellor marca de Galicia. A nivel individual, a xuvenil Alejandra Iglesias foi 3ª en 100 metros socorrista.

Alcalde, concelleiro e deportistas mantiveron unha conversa moi distendida

Alcalde, concelleiro e deportistas mantiveron unha conversa moi distendida

“Tédesnos mal afeitos, porque sempre que ides a un campionato de España volvedes con medallas”, comentou o concelleiro de Deporte, que, xa máis en serio, expresou o orgullo do goberno municipal por contar con tan bos representantes. Tamén o alcalde se amosou orgulloso e animou aos deportistas a seguir superando retos non só no deporte, senón tamén na vida.

Compartir: