Inicio Áreas Deporte Novas O deporte carballés renova o seu...

SOLIDARIEDADE E DEPORTE

O deporte carballés renova o seu compromiso social

A agrupación Media Ducia e o Concello organizan para o 4 de febreiro unha proba de natación co obxectivo de conseguir produtos de hixiene infantil para a Cruz Vermella

Venres 13 de xaneiro do 2017

Non é a primeira vez, e apostamos a que non será a última, que o deporte carballés dá exemplo do seu compromiso social. Convencida de que a actividade deportiva non pode limitarse aos adestramentos e a competición, senón que ten que ir máis alá, a Agrupación Deportiva Media Ducia renova a súa colaboración coa asemblea local da Cruz Vermella, nesta ocasión para conseguir cueiros, toalliñas, aceites e cremas hidratantes ou calquera outro produto de hixiene, ou mesmo de alimentación, para bebés.

A presentación tivo lugar na piscina Carballo Calero

A presentación tivo lugar na piscina Carballo Calero

A Cruz Vermella, que xestiona este tipo de axudas para as familias que o precisan, atópase neste momento cun déficit de produtos de primeira necesidade para o coidado dos bebés. O deportista carballés Pablo Vázquez, coñecedor desta situación, propuxo á AD Media Ducia a posibilidade de organizar algunha actividade benéfica, e a resposta foi inmediata. O equipo de triatlón da entidade, co apoio do Concello de Carballo, puxo mans á obra para poñer en marcha unha proba de natación 100x100, dentro dunha xornada de sensibilización social e de promoción do deporte non competitivo.

A cita será o 4 de febreiro, e hoxe presentárona os seus organizadores nun acto que tivo lugar na piscina Carbalo Calero, que será o escenario da iniciativa. Na proba 100x100 participarán seis equipos de catro membros, de xeito que cada un deles terá que nadar 2.500 metros. Os equipos xa están conformados e adestrando. Pero antes de que se lancen á piscina levarase a cabo unha proba 16x25 na que poderán participar afeccionados de todas as idades. As inscricións están abertas a través da páxina web e o Facebook da AD Media Ducia, así coma do correo electrónico a.d.mediaducia@gmail.com. O obxectivo é contar tamén con seis equipos.

Marcos Periscal, membro de Media Ducia, lembrou que a entidade xa colaborou coa Cruz Vermella na campaña de recollida de Reis. Agora, en vez de xoguetes, o público que asista á proba de natación terá que achegar algún produto de hixiene infantil. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, louvaron a iniciativa e salientaron que Carballo non só é deporte, senón tamén solidariedade.

Compartir: