Inicio Áreas Deporte Novas A segunda xornada do circuíto...

A segunda xornada do circuíto “Nada e Corre” reunirá o domingo en Carballo a 225 triatletas de base

O alcalde, o concelleiro de Deporte e o presidente da AD Fogar deron a coñecer os pormenores da proba

Xoves 12 de xaneiro do 2017

225 triatletas de base, das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e cadete de último ano, reúnense o domingo para disputar o “Nada e Corre” de Carballo, segunda xornada da fase zonal 1, na que compiten dez clubs da Coruña e Lugo: Club Triatlón Ferrol, Cidade de Lugo Fluvial, CN Cedeira, AD Náutico Narón, Trisada, AD TRi-Penta Terras de Lugo, AD Triatlón Oleiros, Zalaeta 100Tolos coruñés, AP San Ramón de Vilalba e o anfitrión esta fin de semana, a AD Fogar. A cita, organizada polo programa Xogade da Xunta, a AD Fogar e a Federación Galega de Triatlón, en colaboración co Concello, Policía Local e Protección Civil de Carballo, presentouse hoxe na Casa do Concello, nun acto no que participaron o edil de Deporte e Cultura, Marcos Trigo; o alcalde, Evencio Ferrero, e o presidente da AD Fogar, Gustavo Álvarez.

Se na proba que abriu o calendario, en Ortigueira, o club de Carballo e Oleiros convocou a só 8 deportistas, que acadaron unha medalla de ouro, outra de prata e outra de bronce, o domingo na piscina Carballo Calero e na súa contorna estará representado por 8 nenas e 31 nenos de entre 7 e 17 anos. O programa comezará coa natación, ás 10.00 horas, nas seguintes distancias: 25 metros (prebenxamín), 50 metros (benxamín), 100 metros (alevín), 200 metros (infantil) e 400 metros (cadete). A saída da carreira, por un circuíto de 1.000 metros arredor da zona escolar, está prevista arredor das 11.45. Os triatletas terán que completar 250 metros (os prebenxamíns), 500 metros (benxamíns e alevíns), 1.000 metros (infantís) e 2.000 metros (cadetes). Sobre as 13.30 entregaranse os trofeos e medallas.

Evencio Ferrero felicitou ao Fogar polo seu traballo na organización da proba e reafirmouse en que Carballo é deporte. “Ten presenza continuada no calendario deportivo galego de categorías inferiores”. “O Concello _engadiu_ ponse sempre a disposición dos clubs para que Carballo siga a ser referente no deporte autonómico e epicentro de multitude de eventos, o que reflicte a calidade das nosas infraestruturas e a nosa capacidade organizativa”.

Ligazóns

Compartir: